13 de setembro de 2014

2ª Parte de 20.000 leguas de viaxe baixo os mares (LXXVII)

Naqueles momentos, a velocidade do Gulf Stream era de dous metros vinte e cinco por segundo. A súa corrente é tan distinta do mar que a rodea que as súas augas comprimidas forman unha especie de relevo e opérase un desnivelamento entre elas e as augas frías. Escuras e moi ricas en materias salinas, destacan polo seu azul puro das augas verdosas que as rodean. Tan neta é a liña de demarcación que o Nautilus, á altura das Carolinas, cortou co seu espolón as augas do Gulf Stream mentres a súa hélice batía aínda as do océano.
A corrente arrastraba con ela a todo un mundo de seres vivos. Os argonautas, tan comúns no
Mediterráneo, viaxaban por ela en gran número. Entre os cartilaxinosos, os máis notables eran as raias, cunha cola que moi solta, constituía case a terceira parte dun corpo que tomaba a forma dun gran rombo de vinte e cinco pés de longo. Había tamén pequenos escualos, dun metro, coa cabeza grande, o fuciño curto e redondeado, puntiagudos dentes dispostos en varias fileiras, e con corpos que parecían cubertos de escamas.
Entre os peixes óseos, anotei uns labros grises propios deses mares; esparos sinágridos cun iris que resplandecía como o lume; escienas dun metro de longo, cunha ancha boca erizada de pequenos dentes, que emitían un lixeiro berro; centronotos negros, dos que xa falei; corífenas azuis con escintileos de ouro e prata; escaros, verdadeiros arco-iris do océano que rivalizan en cores cos máis belos paxaros dos trópicos; rombos azulados desprovistos de escarnas; bátracos recubertos dunha faxa amarela e transversal semellante a unha t grega; enxames de pequenos gobios moteados de manchiñas pardas; dipterodones de cabeza prateada e de cola amarela; diversos exemplares de salmóns; muxilómoros de corpo esvelto e dun brillo suave, como os que Lacepéde consagrou á amable compañeira da súa vida, e, por último, un fermoso peixe, o «cabaleiro americano», que, condecorado con todas as ordes e recamado de todos os galóns, frecuenta as beiras desa gran nación que en tan pouca estima ten aos galóns e ás condecoracións.
Pola noite, as augas fosforescentes do Gulf Stream rivalizaban co resplandor eléctrico do noso fanal, sobre todo cando ameazaba tormenta como ocorría frecuentemente naqueles días.
O 8 de maio achabámonos aínda fronte ao cabo Hatteras, á altura da Carolina do Norte. A anchura alí do Gulf Stream é de setenta e cinco millas e a súa profundidade é de douscentos dez metros. O Nautilus continuaba errando á aventura. Toda vixilancia parecía cesar a bordo. En tales condicións, debo convir que podía tentarse a evasión, con posibilidades de éxito. En efecto, as costas habitadas ofrecían en todas partes fáciles accesos. Ademais podiamos esperar ser recollidos por algúns dos numerosos vapores que asucaban incesantemente aquelas paraxes asegurando o servizo entre New York ou Boston e o golfo de México, ou por calquera das pequenas goletas que realizaban o transporte de cabotaxe polos diversos puntos da costa norteamericana. Era, pois, unha ocasión favorable, a pesar das trinta millas que separaban ao Nautilus das costas da Unión.
Pero unha circunstancia adversa contrariaba absolutamente os proxectos do canadense. O tempo era moi malo. Aproximabámonos a paraxes nos que as tormentas son frecuentes, a esa patria das trombas e dos ciclóns, procreados precisamente pola corrente do Golfo. Desafiar a bordo dun fráxil bote a un mar tan frecuentemente embravecido era correr a unha perda segura, e o mesmo Ned Land conviña niso Por iso, tascaba o freo, embargado dunha furiosa nostalxia que só a fuxida puidese curar.
-Señor -díxome aquel día-, isto debe terminar. Vou falarlle francamente. O seu Nemo apártase de terra e sobe cara ao Norte. Dígolle a vostede que xa teño bastante co Polo sur e que non lle seguirei ao Polo norte.
-Pero, Ned, que podemos facer, posto que a fuxida é impracticable nestes momentos?
-Volvo á miña idea. Hai que falar co capitán. Vostede non lle dixo nada cando estivemos nos mares do seu país. Eu quero falar, agora que estamos nos mares do meu. Cando penso que, dentro duns días, o Nautilus vai atoparse á altura da Nova Escocia, e que alí, cara a Terranova, ábrese unha ancha baía, que nesa baía desemboca o San Lorenzo, o meu río, o río de Quebec, a miña cidade natal! Cando penso niso me enfurezco e pónlleme os pelos de punta! Mire, señor, creo que vou terminar tirándome ao mar. Non quedarei aquí. Non aguanto máis. Asfíxiome aquí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.