5 de setembro de 2014

Inicio de BENVIDOS A CASA

De Edmund Cooper

A nave das Nacións Unidas planeou como un falcón sobre o vasto deserto, e logo alzou o voo repentinamente coma se decidise que, a final de contas, non pagaba a pena pousarse sobre Marte. Pero ao chegar aos dez mil metros, a ascensión quedou interrompida nun instante de inmóbil beleza; a nave sentou lixeiramente sobre unha cola de chama verde, suspendida entre as estrelas e o seu punto de destino, ata que imperceptiblemente a chama perdeu intensidade e a nave descendeu suavemente cara á árida extensión.
A aterraxe foi suave e normal. Tan suave coma se tratásese da centésima aterraxe dunha nave interplanetaria corrente conducida por unha experta e curtida tripulación. Con todo, daba a casualidade - e a data quedaría anotada nos manuais de historia para tormento dos escolares - de que nin a nave das Nacións Unidas nin calquera outro vehículo terrestre visitara nunca o Planeta Vermello. E os seus tripulantes eran os primeiros seres humanos que se aventuraban máis aló da Lúa.
No entanto, todos eles tiñan unha ampla experiencia como viaxeiros espaciais. 
O coronel Maxim Krenin, xefe da expedición e piloto do Pax Mundi, realizara o voo Terra-Lúa cinco veces. E participara en numerosos lanzamentos de proba á Lúa. O mesmo que o comandante Howard Thrace, segundo piloto. Ademais de proporcionar un notable exemplo de colaboración técnica ruso-norteamericana, aqueles dous homes eran excelentes amigos.
Os outros tres membros da expedición, o Profesor Bernard Thompson, representante de Inglaterra, o Profesor Ives Frontenac, representante de Francia, e o doutor Chan S. Chee, representante de China, tomaran parte en tres lanzamentos importantes, e permaneceran en órbita un número impresionante de horas. Durante a longa viaxe até Marte, tiveran tempo dabondo para compenetrarse e para planear en detalle os seus traballos de exploración.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.