19 de novembro de 2014

Fragmento de Memorias dun Neno Labrego, de Xosé Neira Vilas

Os primeiros berros viñan da banda do camiño; despois pareceume que saían do resío.
Seguín no meu trafego de amorear terra coas mans. Tamén construín un forno, de croios, e arrinquei millán para poñerlle darredor. Non me movería dalí. Fixen a promesa de fuxir para sempre da casa, se meu pai me volvía a zoscar.
-¡Balbinoooo!
Sentino por miña nai, e pola tía Carme, pero que se amolen. Elas tamén me tiñan bourado, e ademais facíanme rezar. Todos son contra min. Dende o padriño ata meu irmán Miguel, que inda na víspora de irse para América turroume dos pelos porque lle andiven na caixa das ferramentas.
Pola tardiña andaban búscandome todos os da casa e tamén algúns veciños. Berraban preto, lonxe, no agro e nas corredoiras. O meu nome foi e veu polo aire en toda a aldea. Xa se fora o sol e inda non me atoparan. Moita xente que non lle importaba de min, andaba na miña busca. Era coma se procurasen o raposo ou quixeran dar caza ó porco bravo. Eu, mentres, seguía facendo pontes e fornos, xuntando croios, esfarelando cadullos.
Anoitecía cando sentín bafexar detrás do meu lombo, despois dun maino ruxido de follas de millo. Revireime. Era Pachín, o can. Pachín tamén me buscaba. E deu comigo. Traguía a lingua fóra e viña fadigado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.