7 de xaneiro de 2015

Fragmento de Galicia, de Francisco Fernández del Riego.

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá o 7 de xaneiro de 1913, e finou en Vigo o 26 de novembro de 2010.

Deixan os viaxeiros as terras duras e ásperas de Monfero para voltar de novo á estrada xeral. Diríxense agora cara ao vedraño Brigantium Flavium da época romana. Non tardan en entrar na cidade de Betanzos. Érguese no que no século XII se coñecía co nome de Castrum de Untia. A fortaleza defendía a vila, situada por onde hoxe se estende a parte antiga da localidade. Circúndana o Mendo e o Mandeo, que aquí teñen característica de ría. Reflíctese nela a historia das Mariñas, rica terra e rico mar. Historia que foi un tecido de brigas nobiliarias, monásticas e municipais.
Ocupa Betanzos unha situación de privilexio. No seu castro, a cidade amosa rúas arcaicas de saudosa beleza. Na paisaxe de esteiro que a cingue, o Mandeo espreguízase entre fermosas ribeiras. Coas súas igrexas, pazos e casarío, cobre o cabezo e a aba do outeiro. Os tres armoricanos séntense enfeitizados no ambiente da que fora Corte do rei de Galicia don García, e capital dunha das sete provincias galegas do Antigo Réxime. Expresan a súa admiración fronte ao conxunto de empinadas e sorprendentes rúas, soportais, prazas, casas brasonadas. Á par das quenllas encostadas, das praciñas cheas de beleza, pásmaos a gracia das galerías e solainas sobre a vella ría.

Alentan os viaxeiros en Betanzos unha clara e viva antigüidade. A ponte vella, onde foron os peiraos de antano, mira pasar as escuras augas do río. Polas escaleiras do adro de San Francisco chegan ao recinto no que dormen, cos seus osos e xabarís totémicos, os príncipes de Andrade soñando cazatas e batallas. A igrexa de Santiago ocupa o sitio más empoleirado e visible da cidade. Ten un interior maxestoso, de estilo oxi-val, con fortes resaibos románicos. A de Santa María do Azougue conta cunha magnífica portada do século XIV.

Logo de contemplar de pasada estes monumentos, Ramón Sanfiz tenta situar aos seus compañeiros no marco histórico que están a visitar. Dilles que a comarca brigantina abranguía toda a terra de Nendos, Mandeo abaixo, e a Mariña dos Condes. As grandes liñaxes do país tiveron nas Mariñas os seus pazos patruciais. No antigo dividíanse en Mariñas dos Freires e Mariñas dos Condes. Pero a división baseábase tamén en diferencias xeográficas. Participa a comarca do mar, no seu aspecto de penetración íntima na terra, e de abrigado val inferior. 

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.