16 de maio de 2015

JUAN RULFO - Inicio de DÉRONNOS A TERRA

JUAN RULFO - DÉRONNOS A TERRA

Autor nacido o 16 de maio de 1917.

Despois de tantas horas de camiñar sen atopar nin unha sombra de árbore, nin unha semente de árbore, nin unha raíz de nada, ouvese o ladrar dos cans.
Un creu ás veces, no medio deste camiño sen beiras, que nada habería despois; que non se podería atopar nada alén, ao final desta chaira raxada de gretas e de arroios secos. Pero si, hai algo. Hai un pobo. Óuvese que ladran os cans e síntese no aire o cheiro do fume, e saboréase ese cheiro da xente coma se fose unha esperanza. 
Pero o pobo está aínda moi alá. É o vento o que o achega. Viñemos camiñando desde o amencer. Agora son algo así como as catro da tarde. Alguén se asoma ao ceo, estira os ollos cara a onde está colgado o sol e di:
-Son como as catro da tarde.
Ese alguén é Melitón. Xunto con el, imos Faustino, Esteban e eu. Somos catro. Eu o conto: dous adiante, outros dous atrás. Miro máis atrás e non vexo a ninguén. Entón dígome: "Somos catro." Hai un intre, como a iso das once, eramos vinte e tantos, pero aos poucos foronse desperdigando até quedar máis nada que este nó que somos nós.
Faustino di:
-Poida que chova.
Todos levantamos a cara e miramos unha nube negra e pesada que pasa por encima das nosas cabezas. E pensamos: "Poida que si."
Non dicimos o que pensamos. Hai xa tempo que se nos acabaron as ganas de falar.
... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.