18 de outubro de 2015

Mosteiro de Santa María de Monfero

Visitamos o Mosteiro de Santa María de Monfero é un mosteiro medieval situado na contorna das Fragas do Eume e do que se conserva en bo estado a súa igrexa mentres que as dependencias monacais están en estado ruinoso. Hai anos aprobouse facer alí un hotel pero a idea semella unha desas cousas que se facían antes da crise, do estilo do Pazo de Sober, o Mosteiro de Ois e tantas outras. Está situado na parroquia de San Fiz, no concello de Monfero e chegar ata alí non é tan rápido como demanda o turismo actual.

As súas orixes remóntanse cando menos ao século X, ao se fundar un cenobio ao pe dunha ermida dedicada a San Marcos. Este cenobio favorecido polo rei Bermudo II sufriu o ataque dos normandos, sendo reconstruído a iniciativa de Afonso VII no ano 1134. A comunidade naquel entón acollíase a regra de San Bieito xa que a comunidade conformárase con monxes desa orde procedentes do Mosteiro de Santa María de Valverde do Bierzo.

No 1147 acóllese á reforma cisterciense a través do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, vivindo anos de esplendor económico e cultural.

A finais da idade media, coa reforma dos Reis Católicos, anexiónase á Congregación de Castela, da que dependeu ata a exclaustración de 1835.

A mediados do século XVI iniciou obras de renovación que continuarían ata a seguinte centuria, caracterizadas polo seu estilo clásico. No ano 1620 encárgase das obras Simón de Monasterio. A partir de entón imponse o estilo barroco e derrúbase a vella igrexa. A morte no ano 1624 de Simón de Monasterio, ao que se lle atribúen as trazas da planta e o alzado, fai que outros mestres de obra teñan que seguir co seu proxecto. As obras continuaron e no ano 1639 xa estaba rematado o ciborio. No ano 1645 traballábase na fachada e no ano 1655 consagrouse o templo. A capela da Virxe da Cela remátase cara o ano 1666, obra á que lle seguirán outras como a sancristía, coñecida como Chirola.

En 1882 hai un intento efémero de reintroducir a vida monacal no mosteiro ao se establecer unha comunidade cisterciense. A ruína do mosteiro e unha epidemia de varíola fixeron fracasar a tentativa.

Destaca a súa fachada barroca, única en Galicia polo xadrezado dos perpiaños, alternando granito con xisto, con catro enormes columnas e dúas pilastras rematadas con capiteis corintios, que combina, seguindo a Bonet, unha estrutura clásica cun dinamismo barroco. No interior atópanse os sepulcros de Nuno Freire de Andrade, Fernán Pérez de Andrade, O Mozo e Diego de Andrade.

O edificio monacal artéllase arredor de tres claustros:

O inacabado Claustro da Hospedería mandado facer sobre outro renacentista. A súa construción foi interrompida pola Guerra da Independencia e as obras nunca se retomaron.

O Claustro procesional, proxectado por Juan de Herrera, é de estilo renacentista con aloumiños góticos nos 24 tramos abovedados do andar baixo, e barrocos no tapiado realizado en 1786 deixando óculos elípticos e fiestras rectangulares.

O Claustro dormitorio é o de maior extensión. A diferenza dos outros claustros, é o único que medrou sen unha planificación previa ao longo dun dilatado espazo de tempo.

Contemplando o mosteiro obsérvase o tránsito harmónico desde un clasicismo herreriano a un barroquismo interpretado cunha aberta naturalidade. Dende o ano 1931 está considerado Monumento Nacional.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.