12 de decembro de 2015

ABSURDOS

ABSURDOS
Fredric Brown

Mr. Weatherwax untaba coidadosamente de manteiga a súa torrada. A súa voz era firme:
- Querida, quero que isto quede ben claro: a partir de agora non haberá máis lecturas embrutecedoras desas no noso apartamento.
- Pero Jasson, eu non o sabía.
- Comprendido. Pero é da túa responsabilidade saber o que le o teu fillo.
- Vixiareino máis, Jasson. Non lle vin traer esta revista. Non sabía que estaba aí.
- Tampouco eu saberíao se onte á noite non movese por casualidade un coxín do sofá. A revista estaba disimulada debaixo e por suposto boteille unha ollada.
As puntas do bigote de Mr. Weatherwax estremecéronse de indignación.
- Nocións ridículas, ideas imposibles. Ciencia ficción Ah! Que bonita é a súa ciencia!
Apurou un grolo de café para acougarse.
- Ridículas vaidades! Que cousas máis absurdas! Viaxes a outras galaxias grazas á cuarta dimensión! Máquinas para viaxar no tempo, teleportación, telekinesia...! Bobadas, máis nada que bobadas!
- Querido Jasson - dixo a súa muller esta vez cun pouco de dureza - Eu garántoche que a partir de agora vixiarei as lecturas de Gerard. Tes toda a razón.
- Grazas, querida - contestou Mr. Weatherwax acougado - A mocidade non debería verse envelenada por esas ideas contaminantes.
Mirou o seu reloxo, levantouse con présa, bicou á súa muller e saíu.
Na porta do apartamento deixouse deslizar lentamente polo pozo antigravitación e flotou cara ao baixo dos 200 pisos, até a rúa onde tivo a sorte de deter inmediatamente un taxi atómico. Deu ao chofer-robot os datos do astroporto lunar. Logo descansou e pechou os ollos para captar o boletín telepático. Esperaba ouvir as noticias da cuarta guerra marciana, pero non era máis que un informe do Centro de inmortalidade.

FIN

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.