29 de xaneiro de 2016

Fragmento de Agosto do 36, de Xosé Fernández Ferreiro.

Texto de Xosé Fernández Ferreiro, nado en Espartedo (Santa Cruz de Rubiacós, Nogueira de Ramuín) o 29 de xaneiro de 1931.

As xentes estaban asustadas. Soamente saían das súas casas para face-los traballos máis indispensables. Todos eran a arrepiarse cando chegaban os ecos dos disparos. Uns ecos que baixaban da serra, encaixados por regatos e valgadas, coma ferintes coitelos.
Os rapaces tamén andaban entristecidos e non saían como tiñan por costume a xogar ós camiños, á eira, entre os hórreos e as medas... Acubillábanse á beira dos maiores e escoitaban calados, apouvigados, as escasas palabras que pronunciaban sobre o que estaba acontecendo, do que soamente se falaba na intimidade do fogar, alí onde ninguén de fóra puidese oír nada. Había temores e receos de todo e de todos, especialmente de Lázaro e dalgún veciño máis, que subían e baixaban polo lugar como escoitando ou espiando. Ou polo menos iso semellaba.

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.