8 de xaneiro de 2016

Fragmento de Miss Ourense, de Bieito Iglesias.

Fragmento de Miss Ourense, de Bieito Iglesias, autor nacido o 8 de xaneiro de 1957 en Ourense.

O capitán acompañoume á saída. No patio, un soldado con mandilete por riba do uniforme, afanábase en pintar un mural. Representaba o alzamento de bandeira, ó romper o día. As cores vermella e gualda ocupaban un amplo lenzo de parede e, ó pe do mastro, en posición de firmes, formaba a tropa. Os rostros foran tomados do natural, recoñecíase perfectamente o do propio capitán por un lunar negro e peludo que lucía na fronte. Preciso era admitir que o pintor esaxerara un chisco, agrandando o vulto ata o tamaño dun corno de cabra. O oficial —bastante amolado polo feito de que eu o tutease— achou a ocasión de facer valer os seus galóns. Apañou un bote de pintura e emborranchou todo o cadro, ordenándolle ó artista que empezase de novo. Naquel mesmo cuartel, nos meus tempos de milicia, un brigada chusqueiro castigárame por chegar tarde unha noite de farra. Tívome varios días contando as follas das árbores de sombra que medran no patio. Agora en pleno febreiro, as plantas, de aspecto plumoso dende a primavera ó outono, semellaban pitos escaldados.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.