O Profesor traga cuspe e detense na contemplación dos gravados polos que vai pasando a man coma nunha despedida; mentres vai folleando o libro parsimoniosamente sábese observado polo rapaz que o vende. Van pasando as follas e unha nova visión sacódeo: trátase das páxinas referentes a Galicia, nas que hai un mapa que as acompaña.
O vello raposo rexuvenece entón vinte anos acaso trinta, ou máis, quén sabe. Está xa certo de como vai acabar aquilo. A mesma incerteza que sentiu ós catorce anos, cando roubou o seu primeiro libro, bátelle no peito. Daquela fora Un vagabundo toca con sordina de Knut Hamsum, publicado por Plaza & Janés nuns tempos nos que o noruegués era moi ben visto no seu país.
Valía, daquela, o libro tres pesos. Pero agora ten unha das edicións de Münster nas mans e decide que algo hai que facer.
¡Se a rapaza non preguntara nada canto mellor sería! Pero a rapaza preguntou. Roubalo non ten sentido, pódese organizar unha liorta, aínda que o libro sexa consecuencia dun espolio. Algo hai que facer.
...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.