23 de novembro de 2016

Cambios de orientación na arte

Cambios de orientación na arte 

Cara ao final do Magdaleniense intensifícase a necesidade de captar a aparencia cambiante das
cousas a través da representación do movemento nas figuras e da simplificación extrema dos trazos. Na arte parietal a continuidade desta tradición desenvólvese en culturas asentadas na zona oriental da península Ibérica e no norte de África. A arte peninsular -Mesolítico- esténdese polo Mediterráneo desde o norte, Lleida, até o sur, Almería, e fusiónase posteriormente coa cultura neolítica.

Os grupos viven próximos ao mar, o que permite o intercambio con outras culturas afastadas do Norte de Europa e Asia Occidental. Apréciase un verdadeiro cambio de intención na imaxe. Así, á maxia simbólica, propia do Paleolítico, súmaselle agora a necesidade de expresar o que se vive cotidianamente. A arte sae das covas, as representacións xa non se atopan ocultas nos
lugares máis recónditos das cavernas senón situadas nas zonas externas dos abrigos rochosos ou ben ao aire libre, en barrancos e cantiis.

Até entón a figura humana non era habitual plasmala nas representacións pictóricas.  Tampouco existía a narración. Neste momento o home comeza a dominar o medio no que vive e sente protagonista. O motivo principal das representacións é o home social, inmerso nun marco de relacións de caza, de guerra ou de actividades agrícolas. Non interesa pois tanto o home como individuo senón a súa pertenza ao grupo, é dicir, a plasmación das figuras dentro dun conxunto.

Coa domesticación os animais perderán a súa posición de maxestade; o home eríxese, entón, centro e señor da creación.

Nas representacións a figura animal adoita estar sometida ao home nas escenas de caza. Con todo, mantense o contraste formal entre a figura animal, naturalista e por tanto fiel á realidade, e a humana, sometida a unha extrema estilización xeométrica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.