31 de decembro de 2016

Cantiga de Nadal

Camiñades Santos Reises
por camiños desviados
que por camiños reales
Herodes mandou soldados

30 de decembro de 2016

29 de decembro de 2016

Fragmento de Grupo Abeliano

Fragmento de Grupo Abeliano, de Xosé Cid Cabido, nado en Xunqueira de Ambía o 29 de decembro de 1959

O quinto día é imposible que fose sábado. Durante o almorzo na casa do vello mariñeiro Xaquín e da súa muller Helena, estivemos a falar, moito máis do que era costume con terceiros (se vale dicilo así, sendo nós máis de tres). Eles aportaron o seu punto de vista e o seu saber acumulado durante unha vida de traballos e sacrificios. Non tiñan fillos. Durante anos, mentres Xaquín andaba ó mar, pasaran longas tempadas sen verse. Xamais en trinta e sete anos tiveran unha discusión, iso dicían, pero de feito non estaban de acordo nos anos que pasaran xuntos e por ese motivo discutiron alí mesmo diante de nós. Sufriron grandes penurias, pero sempre se mantiveron unidos, gracias á distancia, entendo eu.

...

28 de decembro de 2016

Adiviña

Gordo o teño,
mais o quixera,
que entre as pernas
non me coupera.

Que é?

27 de decembro de 2016

Inicio de A PULSACIÓN

A PULSACIÓN
Gregory Benford

Hoxe, no traballo, pensou incesantemente no Xogo.
Levaba xa varios anos practicándoo. Ao principio, só buscara nel un apracible entretemento.
Estaban, naturalmente, os xogos electrónicos que se vían en locais públicos: enxeños despreciables que por uns centavos proporcionaban breves momentos de tola diversión. A maioría da xente non pasaba de aí... ou non podía pasar, segundo as súas habilidades.
O probara esas aburridas e reiterativas loitas e non tardara en abandonalas.
A súa práctica permitía adquirir certa destreza e un sentido táctico elemental, pero eran deplorablemente limitadas. Non había nada como o Xogo. Pola mañá tivo unha reunión de negocios que discorreu con desapiadada lentitude. Despois veu a comida con algúns dos seus socios. Eran homes seguros de si mesmos, expertos, cun apromo que se reflectía claramente nos seus axados rostros. Mentres discutían acontecementos recentes, el entretívose en pensar que a política era o tempo do home intelixente: un tema inesgotable, sempre novo e sempre tópico. Estivo a examinarse as manchas escuras da pel das mans e non dixo nada.
Pola tarde, perdeu por completo o fío do tema durante unha entrevista co seu avogado. Este translucía perplexidade cando se separaron.
...

26 de decembro de 2016

Inicio de DESERCION

DESERCION
Clifford D. Simak

Catro homes, de dous en dous, internáronse na aullante vórtice de Xúpiter, e non regresaran. Saíran ao vento tempestuoso, ou mellor dito, galoparan cara a el, cos ventres pegados ao chan, os flancos relucentes baixo a choiva.

Porque non habían ir en forma humana.

Agora o quinto home estaba de pé fronte ao escritorio de Kent Fowler, comandante da Cúpula Nº 3 da Comisión de Recoñecemento Xoviano.

Debaixo do escritorio de Fowler, o vello Towser rascouse unha pulga, e volveu acomodarse para durmir. Harold Allen, advertiu Fowler cunha repentina punzada de dor, era novo... demasiado novo. Tiña a segura confianza da mocidade, o rostro de quen non coñeceu aínda o medo. E iso era raro. Porque os homes das cúpulas de Xúpiter si coñecían o medo, o medo e a humildade. Ao home resultáballe moi difícil conciliar a súa diminuta natureza coas poderosas forzas do monstruoso planeta.

- Quero que comprenda - dixo Fowler - que non está obrigado a facer isto. Quero que comprenda que non está obrigado a saír.

Era un simple formulismo, por suposto. Dixéralles o mesmo aos outros catro, pero saíran igualmente. Fowler sabía que o quinto home tamén o faría. Pero de súpeto sentiu que dentro del axitábase unha débil esperanza de que Allen non aceptase.

- Cando debo partir? - preguntou Allen.

Noutra época, Fowler sentirñia un sereno orgullo ante unha resposta como esa, pero non agora. Engurrou lixeiramente o ceño.

- Dentro dunha hora - contestou.

Allen permaneceu de pé fronte a el, tranquilo, esperando.

- Outro catro homes saíron e non regresaron - dixo Fowler -. Vostede xa o sabe, por suposto. Querernos que vostede regrese. Non queremos que emprenda ningunha heroica expedición de rescate. O obxectivo principal, o único obxectivo, é que vostede regrese, que probe que o home pode vivir baixo unha forma Xoviana. Vaia soamente até o primeiro posto de recoñecemento, non máis aló, e logo regrese. Non corra ningún risco. Non investigue nada. Simplemente, regrese.

Allen asentiu.

- Compréndoo perfectamente.

- A señorita Stanley manexará o conversor - proseguiu Fowler -. Non ten nada que temer nese aspecto. Os outros catro homes foron convertidos sen contratempos. Saíron do conversor en perfectas condicións, polo menos aparentemente. Estará vostede en mans absolutamente competentes. A señorita Stanley é o operador de conversores mellor cualificado do Sistema Solar. Tivo experiencias na maioría dos outros planetas. Por iso está aquí.

...

25 de decembro de 2016

Cantiga de nadal

A Virxe mece ao seu neno
branco, roibo e colorado
que ha de ser o pastor
que ha de gardar este gando

24 de decembro de 2016

Cantiga de Nadal

San Xosé e mais María
camiñan para Belén,
se eles van cantar os reis
cantaremos nós tamén.

23 de decembro de 2016

O Libro de San Ciprián de Enrique Labarta Pose

O LIBRO DE SAN CIPRIÁN 


Un día o señor Runxías díxolle ó seu compadre Goriño, a boca de xarro:
—¿Queres facerte rico pra toda a vida nesta mesma noite?
—Anque sexa agora mesmo —contestoulle Goriño—. Pro non lle vexo trazas. ¡Como non vaiamos a roubar ó vinculeiro!
—Sin roubar a ninguén, e moi honradamente.
—¡Ai compadre, ti hoxe non estás bo da cabeza!
—A cabeza, gráceas a Dios, ríxeme ben, pois non estou tolo nin borracho.
—¡Ti seica me amocas! Entón, ¿como pode ser iso de facerme rico nunha noite, sin roubalo nin herédalo nin que lie toque a un a lotería?
—Mira, ho; has de saber que eu teño o libro de San Ciprián, onde trague a maneira como se ha de facer para chamar ó demo e pidirlle cartos.
—Si non di máis que a maneira de pidilos, xa podes botar o libro no lume. O caso é que diga a maneira de dalos.


(...)

22 de decembro de 2016

Aforismos de Leonardo

263.- Todos os paxaros que voan por empuxes, elévanse a golpes de á, e cando descenden descansan, porque durante o descenso non moven as ás.

21 de decembro de 2016

Inicio de A FILLA DO XIGANTE XEADO

A FILLA DO XIGANTE XEADO
Robert E. Howard

O fragor metálico das espadas e as machadas de guerra extinguiuse; os berros das matanzas foron silenciados, e agora reinaba o silencio sobre a neve tinguida de vermello. O pálido sol que brillaba cunha luz cegadora sobre os campos xeados e as chairas cubertas de neve arrincaba escintileos de prata das corazas hendidas e das armas crebadas diseminadas polo campo de batalla no que xacían os mortos. As mans sen vida aínda aferraban as rotas empuñaduras das espadas; as cabezas cubertas con cascos e botadas cara atrás no último estertor, alzaban lúgubremente contra o ceo as barbas
vermellas e douradas, como nunha última invocación a Ymir, o xigante xeado, deus dunha raza
guerreira.

Ao redor dos ensanguentados refugallos e dos corpos enfundados en cotas de malla, dous homes mirábanse fixamente. Eran os únicos seres vivos naquela paisaxe abatida.

Cubríaos o ceo xeado e estaban rodeados pola branca planicie sen limites, con decenas de cadáveres aos seus pés. Fóronse aproximando lentamente un ao outro entre os corpos sen vida, como pantasmas que se atopan sobre as ruínas dun mundo morto. No medio dun silencio case absoluto, os dous homes quedaron cara a cara.

...

20 de decembro de 2016

Inicio de O ARO

O ARO
Howard Fast

Nunha das súas encantadoras e candorosas expresións, que chegarían a ser coñecidas por todo o seu público televisivo, o doutor Hepplemeyer atribuíu o seu éxito na ciencia non ao seu talento senón ao seu nome. Imaxínanse o que significa chamarse Julius Hepplemeyer para toda unha vida? Cando un é Julius Hepplemeyer, vese obrigado a transcender o nome, ou se conforma con perecer.

Recibira o Premio Nobel en dúas oportunidades, antes de perfeccionar o aro, o que era proba de que verdadeiramente transcendera o seu nome. Ao agradecer a distinción, fixo gala do que a prensa deu en chamar «as xoias de Hepplemeyer», é dicir, ditos ou sentenzas como estas: «A sabedoría obriga
ao home a actuar tontamente», «A educación impón unha procura da ignorancia» «A solución sempre fai necesario o problema».

Esta última sentenza aplicábase perfectamente ao aro. O doutor Hepplemeyer nunca tivera a intención de curvar o espazo, algo que lle parecía presuntuoso.

- Só Deus pode curvar o espazo - repetía con insistencia -. O home simplemente busca, e ás veces atopa.

...

19 de decembro de 2016

Texto de Canle Segredo, de Xosé María Álvarez Blázquez

PESADELO
A noite brúa no cancil de ferro
e o meu sono, que estaba recollido,
debátese cal cervo malferido
decontra os murallóns do seu encerro.

Fóra, me chama con urxente berro
aquila voz que eu tiña xa esquencido.
Saio tras dela... ¡Pero vou perdido
e toda a noite polos montes erro!

18 de decembro de 2016

Fragmento de Morning Star, de Xosé Miranda Ruiz

Fragmento de Morning Star, de Xosé Miranda Ruiz, nado en Lugo o 18 de decembro de 1955.

Capítulo XXIII
O cofre

Coa fin das chuvias e das neves e o alongamento dos días volveu a acción. Tomás saía ás tardes polas valiñas e os outeiros e sopraba no chifre. Algúns fatos de homes acudían lentamente á súa chamada, ora no mesmo día, ora á mañá seguinte. Ialles impartindo instruccións e facendo encomendas. Citábaos a todos para mediados de maio. Achegámonos nunha xornada deica as ribeiras do Miño, que non me pareceu o mesmo río que vira en Lugo, e chamou ós seus compañeiros de ambas as bandas, que responderon a berros. E, cando chegou a data, partimos.
Eramos cousa de vinte homes, porque no grupo de Tomás, que desa vez ía disposto a todo, non acostumaba a haber mulleres, á parte da Pindonga. Case a metade portugueses, e todos dacabalo entre os dous países. A uns buscábanos acá, a outros alá, á maior parte nos dous lados. Os lugartenentes eran o Tolo Matías, coa súa voluminosa testa, e outro moreno, que resultou ser luso, pequeniño, con dentes de rata e nariz ganchudo coma o bico dunha aguia, que respondía ó nome de Luís e ó alcume de Vexigas, por ter a cara moi marcada delas, máis có mesmo Campanachoca.

...

17 de decembro de 2016

Inicio de NAUFRAGO DUN MESMO

NAUFRAGO DUN MESMO
Sergio Gaut Vel Hartman

Vivira nese corpo durante máis de sesenta anos, polo que me resultaba moi difícil aceptar o novo estado, o dun envase baleiro, inútil, que se descarta despois de usado.

- Que van facer con... el? - non sabía como nomealo; foramos un tanto tempo... O biotécnico encolleuse de ombreiros; seguramente contestaba á mesma pregunta varias veces por día.

- Metémolos no depósito de usados. Eventualmente utilízase algún órgano, aínda que non creo que este sexa o caso. Como andaba do fígado? Fumaba?

- Quere dicir que os conxelan? - non só non contestei as preguntas directas (de feito resultábanme ofensivas): a miña ignorancia achega do tema acendía unha luz vermella. Temía saber. As imaxes de frizers con forma de cadaleito, apilados en naves sen luz, cribábanme sen piedade desde o día posterior á transferencia.

- Conxelalos? - O home miroume, desconcertado. Para que nos tomariamos ese traballo?
Conectámolos aos tubos e deixámolos aí ata que se lles termina a corda.

Termínaselles a corda!, unha metáfora bela e desapiadada.
...

16 de decembro de 2016

Fragmento de "O velorio" de Francisco Taxes

MlNGUlÑO: {garda silenzo un intre, matinando o que vai dicir) Déboche vinte anos de traballo e a emi-gración dos meus fillos...

Déboche a fame da miña compañeira e a morte da miña nai... Déboche todo o que aforrei de ter... (escáchaselle a voce) Déboche todo o que son...(cala un intre, emocionado) Déchesme o sangue podre que chuspen os meus pulmóns... (afógase nun salouco) ¡Pois non cha quero! (berra, escachada a voce polo pranto) ¡Lévaa pra sempre! (bótase a il e chúspellé) ¡Lévaa pra sempre! ¡Lévaa pra sempre!

...

15 de decembro de 2016

Aforismos de Leonardo

262.- Cando hai vento, vese ao voitre golpear moitas veces o aire mentres voa, de modo que sobe e gaña ímpeto, co cal despois, descendendo un pouco, vai un longo treito sen mover as ás; repite logo
a manobra, e avanza constantemente. Eses descensos sucesivos permítenlle descansar do traballo ocasionado polos seus aleteos anteriores.

14 de decembro de 2016

De "Os escuros soños de Clío" de Carlos Casares.

Recentemente, a revista inglesa de estudios históricos Past and Present deu a coñecer un extenso traballo do profesor William A. Griffit sobre un interesante personaxe galego, frei Luís de Morgade, de quen a penas un par de ducias de lectores saberán o nome e algo menos de tres ou catro terán noticia cumprida sobre a súa atraente personalidade. O traballo de Griffit (William A. Griffit. "The Spanish 18th century. A biography of Fray Luis de Morgade", en Past and Present 97, decembro de 1976) vén encher un pequeno oco na nosa aínda escasa historiografía do século XVIII.

Frei Luís de Morgade foi frade campaneiro no convento franciscano do Bon Xesús, en Trandeiras, fábrica hoxe derruída como consecuencia da voracidade burguesa e inculta desatada pola Desamortización. Naquel apracible recinto sagro serenaron os seus espaventados ollos na tranquilidade gris celeste das augas da Lagoa de Antela catro bispos franceses fúxidos da Francia
revolucionaria de 1789.

13 de decembro de 2016

Chuvia XIV

Verbos para cando deixa de chover:

Amizar, delampar, descrebar, escambrar, escampar, estear, estiñar, estrelampar

12 de decembro de 2016

Chuvia XIII

Cando chove e vai sol pode aparecer o Arco da vella

Antes dicíaselles aos cativos que o arco da vella era o xeito que tiñan as nubes de beberen, de colleren dun regato próximo a auga para a chuvia.
-Arco da vella, vaite de aí, que andan os porcos a fozar en ti (Marín)
-Arco da vella ó levante, ei boi pra diante, arco da vella ó poñente, colle os bois e vente (Santiago)

11 de decembro de 2016

PEDRO AMIGO DE SEVILHA

PEDRO AMIGO DE SEVILHA [B 1663 / V 1197]

María Balteira, que se quería
ir ja d'aquí, veo-me preguntar
se sabía ja-que d'aguiraría,
ca non podía máis aquí andar.
E dixi-lh'eu logu'entón: «Quant'én sei,
María Pérez, eu vo-lo direi».
E diss'ela logu'i que mi o gracía.

E dix'eu: «Pois vós ides vossa vía,
a quen leixades o voss'escolar
ou vosso filh'e vossa companhía?»
Diss'ela: «Por én vos mand'eu catar
que vejades nos aguiros que hei
como poss'ir; e máis vos én direi:
a m.os desto, sol non movería».

E dixi-lh'eu: «Cada que vos deitades,
que esturnudos soedes d'haver?»
E diss'ela: «Dous hei, ben no sabiades,
e uu hei, quando quero mover;
mais este non sei eu ben departir».
E dix'eu: «Con dous ben poderiades ir,
mais uu manda sol que non movades».

E dixi-lh'eu: «Pois aguiro catades,
das aves vos ar convén a saber
vós, que tan longa carreira filhades».
Diss'ela: «Esso vos quer'eu dizer:
hei ferivelha sempr'ao saír».
E dixi-lh'eu: «Ben podedes vós ir
con ferivelha, mais nunca tornades».

10 de decembro de 2016

Chuvia XII

Nunca chove a gusto de todos... Popular
En Trasar de Carballo (Lugo) Pilar Guerra recolleu estes ditos sobre a chuvia:

·         A mera de San Xoán leva o viño e non deixa o pan: a choiva miúda, néboa mesta de xuño prexudicial para os campos
·         A porca de maio ou no principio ou no cabo, e han parar os bois quince días antes ou despois: en maio ten que haber 15 días de mal tempo
·         A porca de maio vale máis no principio ca no cabo: a chuvia fai máis nos primeiros de maio
·         Manda chover na Habana!: vello dito de admiración
·         Marzo ventoso e abril chuvioso: mellor moito vento en marzo e choiva en abril
·         Non hai sábado sen sol: cando un sábado chove moito, dise a frase
·         Se chove en xaneiro, nin boa meda nin bo palleiro: mala colleita de centeo
Irlle botar un torbón: ir beber algo (case sempre viño)

9 de decembro de 2016

Fragmento de Papaventos

Papaventos é unha obra de Francisco Xavier Vázquez Álvarez, coñecido como Xavier Queipo, nado en Santiago de Compostela o 9 de decembro de 1957.

O seu sobriño Clodio tiña sitio na casa. Ademais de sitio e boa disposición, tiña vacacións e tempo dabondo para recibir e para ter conta das necesidades do seu tío Francis, o aventureiro e o exiliado, o emigrante máis recente nunha familia de emigrantes, que visitaran o continente americano de Nova York a Puerto Montt, de Cali ata Sáo Paulo, de Matanzas á Baixa California. Galegos condenados á emigración, antes e agora, nun contínuum de familia marcada, de familia rebelde, de homes forxados na liberdade que non poden vivir nunha nación entregada, humillada, mil veces negada polos señoritos educados na indignidade e polas camadas de resentidos criados na peor parruma do país, a da negación da identidade, a da negación de si propios, como pobo e como estirpe.
...

8 de decembro de 2016

Chuvia XI

Sentar a ver chover... Deporte tradicional galego
Xesús Ferro Ruibal no seu Refraneiro Galego Básico recolle entre outros estes refráns sobre o chover:

1.    A mera de san Xoán leva o viño e mailo pan: as néboas e orballos de finais de xuño son prexudiciais para as viñas e os cereais
2.    Abril  para ser abril ten que vir con augas mil
3.    Abril augas mil, se non é no comezo ó medio ou á fin: sempre ha chover moito en abril
4.    Abril frío e mollado enche o celeiro e farta o gado: moi boas colleitas
5.    Abril quente e mollado carga o carro e engorda o gado: moi boas colleitas
6.    Ano de chuvias, poucas madrugas: queda un na cama, non madruga
7.    Auga de maio trae boa ano/pan para todo o ano: moi beneficiosa
8.    Auga de mediodía, auga de todo o día: choverá todo o día
9.    Auga de trebón nunha parte dá e noutra non: como vén forte nuns sitios estraga e noutros é beneficiosa
10. Auga de xaneiro, cada pinga vale diñeiro: en xaneiro pouca auga vale moito
11. Auga en febreiro mellor ca en xaneiro
12. Auga miúda, vendaval que dura: moitas veces a chuvia fina acabará en forte vendaval
13. Auga/chuvia de febreiro fai palleiro: boa para os cereais
14. Auga/chuvia mañanceira non é duradeira: cando chove moi cedo non dura
15. Brétemas no alto, chuvias no baixo: na cima do monte néboa e no val chuvia
16. Cando chove e fai vento, pecha a porta e estate dentro
17. Cando chove e vai sol, alegre está o pastor: medran os pastos
18. Cando chove e vai sol, é tempo de requeixón: moito leite de vaca
19. Cando chove moito, ha de escampar logo: pronto deixará de chover
20. Cando chove o domingo antes da misa, toda a semana vai de risa: a xente da parroquia acudía o domingo á misa ben vestida, por iso o dito
21. Cando non chove en febreiro, nin bo prado nin bo centeo nin bo lameiro
22. Cando o sol madruga, é sinal de chuvia
23. Chova para min abril e maio e para ti todo o ano: cando máis necesarias son as chuvias
24. Chuvia no mar e vento na ría, chuvia para todo o día
25. Chuvia no mes de agosto non é chuvia que é mel e mosto: mellora a colleita de mel e uvas
26. Chuvia por santa Lucía tolle a sardiña: chuvia polo 13 de decembro é mala
27. En marzo auga que non molle o rabo do gato: que chova pouco
28. Moita chuvia en xaneiro, mala anada no cabaceiro: mala colleita
29. Moitas augas en maio traen mal ano: non debe chover moito
30. Nadal mollado e xaneiro ben xeado: que chova en decembro e frío en xaneiro
31. No ano que moito chove o labrego traballa máis que come: é mal ano no campo
32. Se o gato lava a cara, é que venta enchente de auga: cando se lambe moito vai chover
33. Se polo san Xurxo chove de mil cereixas quedan nove: cando chove polo 23 de abril sofren as cereixas novas

7 de decembro de 2016

Chuvia X

10. E choverá papá, choverá Pachín... Dito popular
E os ditos sobre o chover:

1.    chover sobre mollado: sucede algo malo despois de outra cousa mala xa acontecida
2.    chova que neve!: pase o que pase
3.    chóvelle na cabeza: está tolo
4.    coma quen ve chover: non facer caso, deixalo pasar
5.    nunca choveu que non escampase: todo ten remedio
6.    por min que chova!: tanto me ten
7.    xa choveu!: hai moito tempo
8. chóvelle no fallado: ten problemas mentais
9.    unhas pingan e outras mollan: todo é o mesmo

6 de decembro de 2016

Chuvia IX

Cando chove moito entra alguén e di: non sei se choverá/parece que chove/igual chove/vai chover...
E as frases feitas para indicar que chove moito:

1.    chover a arroiar
2.    chover a ballón
3.    chover a cachón
4.    chover a caldeiradas
5.    chover a canados
6.    chover a ceo aberto
7.    chover a chapuzos
8.    chover coma quen a envorca
9.    chover ás cuncas
10. chover a Deus dala
11. chover a Deus dar
12. chover a manta
13. chover a mares
14. chover a varrer
15. chover a xerros
16. chover o mar chovido
17. chove que arrepía
18. chove que mete medo

5 de decembro de 2016

Chuvia VIII

Cando chove non te mollas, cando fai sol non te queimas... Popular
E os adxectivos que teñen que ver coa forma de chover:

1.    babuxado: terreo humedecido pola chuvia fina
2.    babuxento: tempo húmido no que chove moito
3.    barrucento: tempo húmido no que chove moito
4.    barralloso: dise do tempo en que cae chuvia miúda
5.    barrucento: tempo húmido no que chove moito
6.    chuviñento: dise do tempo en que chove moito ou ameaza chuvia
7.    chuviñoso: dise do tempo en que chove moito ou ameaza chuvia
8.    chuvioso: dise do tempo en que chove moito ou ameaza chuvia
9.    corisqueiro: dise do tempo no que chove con frío ou cae neve miúda
10. corisquento: dise do tempo no que chove con frío ou cae neve miúda
11. froalleiro: dise do tempo non que cae chuvia miúda seguido
12. froallento: dise do tempo non que cae chuvia miúda seguido
13. morriñenta: dise da chuvia miúda e persistente
14. orballento: dese do tempo no que cae unha chuvia fina e persistente
15. orballisqueiro: dise do tempo no que orballa frecuentemente
16. poallento: dise do tempo no que cae chuvia fina e miúda

4 de decembro de 2016

Chuvia VII

O paxaro cando chove mete o rabo na silveira... Popular
E os verbos utilizados para indicar como chove:

1.    arroiar: chover forte e intenso
2.    baballar: caer chuvia miúda, fina
3.    babuñar: caer chuvia miúda, fina
4.    babuxar: caer chuvia miúda, fina
5.    barbañar: caer chuvia miúda, fina
6.    barbuñar: caer chuvia miúda, fina
7.    barbuzar: caer chuvia miúda, fina
8.    barrallar: caer chuvia miúda, fina
9.    barrufar: caer chuvia miúda, fina
10. barruñar: caer chuvia miúda, fina e persistente
11. barruzar: caer chuvia miúda, fina
12. bategar: chover de xeito repentino e intenso por pouco tempo
13. brecar: caer chuvia miúda, fina
14. cebriscar: caer neve miúda con moito vento
15. Chorrear: chover forte e intenso
16. Chover: caer auga das nubes en forma de pingas
17. Chuviñar: caer chuvia miúda, fina
18. Chuviscar: caer chuvia miúda, fina
19. Cifrar: soar o vento e chover forte
20. Coriscar: chover con frío ou caer neve miúda
21. Decembrar: chover forte e seguido, típico de decembro
22. Diluviar: chover moito e seguido
23. Froallar: caer chuvia miúda, fina
24. Lapiñar: caer chuvia miúda, fina
25. Marcear: facer un tempo de marzo con claros e chuvias
26. Marmañar: caer chuvia miúda, fina
27. Merar: desprenderse unha chuvia moi fina da néboa mesta
28. Orballar: caer chuvia miúda, fina
29. Orballiscar: orballar moi suave
30. Patiñar: caer chuvia miúda, fina
31. Poallar: caer chuvia miúda, fina
32. Xistrar: caer auga moi fría con neve
33. zarzallar: caer chuvia miúda, fina

3 de decembro de 2016

Chuvia VI

...aferrará connosco unha vela de chuvascos ... Manuel Antonio
Chove para que eu soñe... Uxío Novoneyra
E velaquí todos os substantivos que o galego ten para a chuvia:

1.    arroiada: choiva forte e intensa
2.    babuña: chuvia miúda e pouco intensa
3.    babuxa: chuvia miúda e pouco intensa
4.    ballón: tromba de auga forte e intensa
5.    balloada: chuvia intensa que se prolonga varios días seguidos, : chuvia repentina, intensa e curta
6.    barbaña: chuvia miúda e pouco intensa
7.    barbuña: chuvia miúda e pouco intensa
8.    barbuza: chuvia miúda e pouco intensa
9.    barrallo: chuvia miúda e pouco intensa
10. barrufa: chuvia miúda e pouco intensa
11. barrufo: chuvia miúda e pouco intensa
12. barruñeira: chuvia miúda e pouco intensa
13. barruzada: chuvia fina e persistente
14. barruzo: chuvia miúda e pouco intensa, mesturada con néboa
15. basto: chuvia repentina, intensa e curta
16. bátega: chuvia repentina, intensa e curta
17. bategada: tromba de auga forte e intensa, : chuvia repentina, intensa e curta
18. borralla: chuvia miúda e pouco intensa
19. borrallada: chuvia miúda e pouco intensa
20. boubizo: chuvia miúda e pouco intensa
21. brea: chuvia forte e con vento
22. breca: chuvia miúda e pouco intensa, mesturada con néboa
23. cairo: chuvia forte e, normalmente, de duracion breve
24. calistro: trebón de auga fría con vento ou neve miúda
25. cebra: chuvia repentina, intensa e curta  .. acompañada de vento
26. cebrina: temporal de chuvia e neve con vento forte
27. cebrisca: temporal de chuvia e neve con vento forte. Sarabiada forte
28. chaparrada: choiva forte e intensa, tromba de auga forte e intensa, chuvia repentina, intensa e curta
29. chaparrazo: choiva forte e intensa, tromba de auga forte e intensa, chuvia repentina, intensa e curta
30. choiva: precipitación en forma de pingas, chuvia
31. chuiva: variante dialectal de chuvia
32. chuva: variante dialectal de chuvia
33. chuvascada: precipitación intensa e abundante, acompañada case sempre de vento forte
34. chuvasco: precipitación intensa e abundante, acompañada case sempre de vento forte
35. chuvia: precipitación en forma de pingas, choiva
36. chuvieira: chuvia forte e intensa, tromba de auga forte e intensa
37. chuviñada: chuvia miúda e pouco intensa
38. chuviñeira:  chuvia repentina, intensa e curta
39. chuvisca: chuvia miúda e pouco intensa
40. chuviscada: chuvia miúda e pouco intensa
31. cifra: chuvia forte e con vento
42. ciobra: chuvia forte e con vento
43. coriscada: trebón de auga fría con vento ou neve miúda
44. corisco: trebón de auga fría con vento ou neve miúda
45. decembra: chuvia forte e prolongada habitual en decembro
46. diluvio: chuvia moi  abundante e intensa
47. dioiva: chuvia moi  abundante e intensa
48. dioivo: chuvia moi  abundante e intensa
49. escarabana: auga moi fría con sarabia
50. froallo: chuvia miúda e pouco intensa
51. lapiñeira: chuvia miúda e pouco intensa
52. marceada: tempo con claros e chuvias propio de marzo
53. marmaña: chuvia miúda e pouco intensa
54. mera: chuvia moi fina que se desprende da néboa mesta
55. morriña: chuvia miúda e persistente
56. morriñada: chuvia miúda e persistente
57. orballada: chuvia miúda e de pouca duración
58. orballeira: chuvia miúda e de pouca duración
59. orballiscada: orballo moi fino, que case non chove nada
60. orballo: chuvia fina e persistente,
61. patiñeira: chuvia fina e persistente
62. patumeira: chuvia fina e persistente
63. poalla: chuvia miúda e pouco intensa,
64. poallada: chuvia miúda e pouco intensa
65. poallo: chuvia miúda e pouco intensa
66. poalleira: chuvia miúda e pouco intensa
67. salseiro: pingas de auga que producen unha néboa mesta provocada polo vento na superficie do mar
68. seca-fría: un pequeno torbón que cae moi raras veces co aire norte ou sarandón e que non chega case nin a mollar a terra pero, iso si, é moi frío
69. torba: auga de chuvia mesturada con neve fina
70. torbada: tromba de auga forte e intensa, tormenta
71. torboada: tromba de auga forte e intensa, tormenta
72. torbón: tromba de auga forte e intensa, tormenta
73. treboada: tromba de auga forte e intensa, tormenta
74. trebón: tromba de auga forte e intensa, tormenta
75. xistra: chuvia e neve con vento moi frío
76. zarapallada: chuvia miúda e pouco intensa
77. zarracina: chuvia abundante con moito vento
78. zarzallo: chuvia miúda e pouco intensa

2 de decembro de 2016

Chuvia V

Que chove despois de chover, don Gregorio... Manuel Rivas
Cando a chuvia vén mesturada con neve:

1.    calistro
2.    cebrina
3.    cebrisca
4.    coriscada
5.    corisco
6.    torba
7.    xistra

1 de decembro de 2016

Chuvia IV

Aran os bois e chove... Xosé María Díaz Castro
Para a chuvia mesturada coa néboa:

1.    Barruzo
2.    breca
3.    mera
4.    salseiro