14 de febreiro de 2017

Os deuses exipcios

Os deuses exipcios

Os deuses xorden dun espírito ordenador que lles dá a vida e esta idea aplícase a todas as manifestacións da natureza. Este deus a quen se atribúe a fonte de toda vida é Ra, o Sol, quen controla o ciclo do río Nilo.

Osiris é o deus que asume o ciclo vital de nacemento, morte e resurrección. Sendo nun principio o deus da vexetación, foi asasinado polo seu irmán Seth, personificación do deserto, quen, envexoso da súa prosperidade, esnaquizouno. Pero Isis, esposa e irmá de Osiris, tras unha longa procura e a realización de prácticas máxicas, reconstruíu o corpo e devolveulle a vida. Unha vez resucitado, Osiris fecundou a Isis, sen intervención carnal, dándolle un fillo: Horus, o deus con cabeza de falcón. Este loitou contra o seu tío Seth, vencéndolle e restituíndo o poder sobre todo Exipto. Coa adopción deste mito, os reis consideráronse irmáns de Horus, descendentes directos do deus e con poder vitalicio sobre Exipto.

Osiris converteuse no deus dos mortos, xa que representaba o Sol poñente e o seu reino situábase no oeste do Nilo. Durante a noite morría para volver nacer. Horus era o Sol nacente. O culto a Osiris difundiuse desde os inicios do período histórico e máis tarde alcanzou unha gran aceptación popular. Osiris foi o deus máis próximo e accesible aos homes sen rango divino. Estes podían gozar dun máis aló similar ao do rei a través da figura de Osiris. A súa lenda evocouse con múltiples variantes por todo Exipto. Os sucesivos cultos -en función dos cambios políticos- fóronse superpoñendo. A supremacía dun deus sobre os outros dependía das dinastías reinantes, quen daban prioridade ao deus da súa cidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.