30 de maio de 2017

A arte exipcia nos albores da etapa histórica

A arte exipcia nos albores da etapa histórica.

Nos albores da historia, as diversas aldeas primitivas unificáronse en nomos que serían as primeiras divisións políticas e administrativas. Organizáronse dúas grandes rexións baixo a tutela común dun rei para os nomos do delta e outro para os do val. Formáronse dous países, o Baixo e o Alto Exipto, que eran, respectivamente, a gran extensión do delta e o val fluvial.
Cara ao ano 3100 a.C., os diferentes nomos do norte e do sur unificáronse, definitivamente, baixo a tutela dun só rei, Menes, momento en que realmente comeza a historia de Exipto cunha sociedade xerarquizada que desenvolveu un gran imperio agrícola.
A representación da Paleta do rei Narmer (Museo Exipcio, O Cairo) identificouse co rei Menes, fundador da I dinastía e primeiro gobernante que unificou o país, impóndose sobre o Baixo Exipto. Trátase dun relevo que mostra os principios figurativos do debuxo e a composición. A representación someteuse a unha ordenación total, distribuíndo o espazo en rexistros horizontais sobre os que se sitúan as figuras. No anverso, aproveitouse o oco da cazoleta central para situar a dous animais que
rodean co seu longo pescozo o depósito de ungüentos. No rexistro superior o rei, coa coroa do baixo Exipto, desfila precedido polos estandartes do deus Horus. As liñas verticais dos estandartes destacan sobre a horizontal que serve de apoio ás figuras. Nun extremo da mesma escena, os corpos dos prisioneiros decapitados están perfectamente aliñados formando dúas fileiras en sentido vertical. No reverso, deixouse un gran rexistro central para a figura triunfante do rei, que está representado de maior tamaño que as demais figuras, coa coroa do Alto Exipto e sacrificando a un prisioneiro. Nesta paleta esbózanse pois os principios de representación que se imporán con posterioridade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.