31 de outubro de 2017

A arquitectura urbana no Antigo Exipto

A arquitectura urbana no Antigo Exipto.

O val do Nilo estivo moi poboado. Había concentracións urbanas que se emprazaban a beiras do río e aldeas rurais que animaban os diferentes nomos. Con todo, destas poboacións non quedan restos, pois o fráxil material de adobe non resistiu o paso do tempo. Tan só quedan algúns exemplos como El-Lahun -onde vivían os obreiros que durante a XII dinastía traballaron nas construcións funerarias de Sesostris II- e Deyr el-Medina, lugar habitado polos traballadores da necrópole de Tebas. Ambos os exemplos permiten esbozar de forma somera o urbanismo exipcio deste período.

O poboado de El-Lahun estaba no Fayum, contaba cunha planificación rectangular de rúas ortogonais e atopábase rodeado por un muro.

A cidade delimitaba perfectamente dúas zonas separadas por un murete. A zona occidental estaba constituída por unha arteria máis ancha en sentido norte-sur, con rúas perpendiculares nas que se aliñaban pequenas casas dunha planta con dúas ou tres pezas. A zona oriental, moito máis ampla, contaba con casas espazosas de dous pisos, que debían pertencer a funcionarios, e unha rúa principal ampla en sentido este-oeste.

Deyr el-Medina atopábase á altura de Tebas, na outra beira do Nilo. Construíuse durante a XVIII dinastía para os obreiros do Val dos Reis. A cidade ampliouse varias veces, polo que os muros que rodeaban o núcleo orixinario, trapezoidal, quedaron circundados por barrios adxacentes con casas amplas. O centro contaba cunha rúa principal e rúas transversais. As casas eran de planta rectangular con habitacións contiguas e terraza plana no piso superior. As xanelas e portas eran de pedra.
A cidade de Akhenatón (actual Amarna) é a única capital imperial da que se pode dar conta. Estaba situada na beira occidental do Nilo, entre o río e unha cordilleira montañosa. No centro alzábanse o palacio, o templo e as casas nobres. Nos seus arredores había casas de distinta condición, sen un plan urbano moi estruturado.

A cidade organizábase en tres sectores delimitados por arterias perpendiculares ao río. As casas da poboación de status elevado contaban con dous sectores separados, un destinado á vivenda nobre e outro para os servizos, onde estaban a cociña, os celeiros, os cortellos e os almacéns.

A vivenda tiña dous pisos. No inferior un vestíbulo daba acceso a unha sala de recepcións, que estaba rodeada de habitacións e contaba con sala de baño. No piso superior atopábanse as habitacións reservadas á familia. A casa tiña tamén xardín con estanque e pozo.

Nas proximidades da zona oriental da cidade atopábase o barrio de traballadores cunha clara planificación ortogonal.

30 de outubro de 2017

29 de outubro de 2017

PERO GÓMEZ BARROSO

PERO GÓMEZ BARROSO

Do que sabía nulha ren non sei,
polo mundo, que vej'assí andar;
e, quand'i cuido, hei log'a cuidar,
per boa fe, o que nunca cuidei:
ca vej'agora o que nunca vi
e ouço cousas que nunca oí.

Aqueste mundo, par Deus, non é tal
qual eu vi outro, non ha gran sazón;
e por aquesto, no meu coraçón,
aquel desej'e este quero mal,
ca vej'agora o que nunca vi
e ouço cousas que nunca oí.

E non receo mia morte por én,
e, Deus-lo sabe, quería morrer,
ca non vejo de que haja prazer
nen sei amigo de que diga ben:
ca vej'agora o que nunca vi
e ouço cousas que nunca oí.

E, se me a min Deus quisess'atender,
per boa fe, ua pouca razón,
eu post'havía no meu coraçón
de nunca jamais neún ben fazer,
ca vej'agora o que nunca vi
e ouço cousas que nunca oí.

E non daría ren por viver i
en este mundo máis do que viví.

28 de outubro de 2017

Museo do Ferrocarril de Galicia

O Museo do Ferrocarril de Galicia está situado en Monforte de Lemos, provincia de Lugo.

A visita a este museo nas antigas instalacións ferroviarias que no seu día albergaron un dos máis importantes depósitos de tracción vapor do norte de España, resulta moi entretida.

Monforte coa chegada do tren converteuse no principal nó ferroviario de Galicia e dende a estación monfortina distribuíase, cara aos eixos Lugo-Ferrol-A Coruña e Ourense-Vigo, o crecente tráfico de viaxeiros e mercadorías que entraba en Galicia procedente de Castela e Cataluña e  tamén do que saía de chan galego cara a esas rexións.

As instalacións de RENFE, aínda na actualidade, son as máis extensas que a empresa ten na Comunidade galega, cunha superficie de máis de 270.000 metros cadrados. A pesar de que foi perdendo este pulo,  foi un dos berces do ferrocarril en Galicia.

E alí, a Fundación dos Ferrocarrís de Galicia, promove e xestiona o MUSEO DO FERROCARRIL DE GALICIA.

Destaca unha nave circular cun deseño propio da arqueoloxía industrial de principios do século XX e unha praia con 40 vías que se enlazan a través dunha ponte xiratoria que se utiliza tamén para inverter a marcha da locomotora de vapor.

Unha das pezas mais interesantes é a locomotora de vapor "Mikado", construída en 1953 na Gran Bretaña en Glasgow, Escocia. Foi adquirida por RENFE e prestou servizo ata o 1975. Evitouse o seu despezamento ao asignarse, en 1980, ao Museo Nacional do Ferrocarril. En 1983 foi reparada para ser empregada no tren turístico "da fresa" que circula entre Madrid e Aranjuez.

Outra curiosidade e o coche salón ou presidencial; un vagón con caixa de madeira construído en Beasaín en 1929 para o director da Compañía dos Ferrocarrís do Norte. Dispón dun salón, dormitorio con gabinete de traballo, aseo con ducha, cociña e compartimento de acompañantes. Está dotado con calefacción, aire acondicionado e teléfono.

Mais fotos.

27 de outubro de 2017

Diego de Andrade

Diego de Andrade foi un nobre galego, fillo de Fernán Pérez de Andrade, O Mozo, de quen herdou os señoríos de Pontedeume, Ferrol e Vilalba. Os Reis Católicos outorgáronlle o título de Conde de Vilalba. A pesar dos territorios familiares, os Andrade eran entón unha casa abaixada, polo que buscaron un bo casamento, como foi con María das Mariñas, filla primoxénita de Gómez Pérez das Mariñas, o que lle deu a posesión das terras das Mariñas dos Condes e as dos Frades, que formaron a xurisdición de Miraflores. Isto fixo a Diego de Andrade señor dun gran territorio que abarcaba as terras comprendidas entre A Coruña, Ferrol e Vilalba.

Nos inicios da revolta irmandiña Diego de Andrade tentou de fuxir a Castela por medo á irmandade, mais foran presos pola condesa de Ribadavia. Recuperada a liberdade logo de dous anos de cadea e morto xa seu pai, tomou nunha noite a fortaleza de Pontedeume, en poder do arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca. Así mesmo, prendeu na fortaleza de Pontedeume a un dos xefes da revolta, Pedro Osorio, finando nela. Deste xeito quedou descabezado o movemento irmandiño pois xa morrera Alonso de Lanzós. O tercceiro home forte dos irmandiños, Diego de Lemos, morreu de morte natural na súas posesións en Ferreira.

Finalizada a guerra irmandiña, os nobres galegos coaligáronse para restauraren o seu anterior poderío e reedificaren as fortalezas. O arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca non vía con bos ollos esta alianza pois supuña unha ameaza ao seu poder. Na reedificación da fortaleza de Altamira, capital dos estados de Lope Sánchez de Moscoso, o arcebispo, coa axuda do seu irmán, Luís de Acevedo, tentou expulsar aos que estaban reedificando a fortaleza.

O señor de Altamira pediu axuda aos nobres galegos e ao seu chamado acudiron Diego de Andrade, co seu sogro Gómez Pérez das Mariñas, Sancho Sánchez de Ulloa, Pedro Álvarez de Soutomaior e Pedro Álvarez Osorio, conde de Lemos. O enfrontamento, coñecido como a Batalla de Altamira tivo lugar o 13 de xuño de 1471 e rematou coa vitoria dos nobres.

Diego de Andrade morreu durante a súa participación na conquista de Granada e como moitos dos seus devanceiros foi soterrado no mosteiro de Monfero.

Do seu casamento con María das Mariñas tivo un fillo e dúas fillas: Fernando, Tareixa e Violante. Fernando herdou o señorío do seu pai.

Como curiosidades podemos dicir que na batalla de Altamira, Gómez Pérez das Mariñas tomou partido polo seu xenro Diego de Andrade, casado coa súa filla María, e en contra dos intereses doutro xenro Luis de Acevedo, casado coa súa filla Xenebra. Por outra banda a filla de Diego de Andrade, Tareixa, casou con Rodrigo Osorio de Moscoso, quen era fillo do xefe irmandiño Pedro Osorio, executado como vimos por Diego de Andrade.

26 de outubro de 2017

Aforismos de Leonardo

302.- a) Cando a separación entre as fazulas e a boca, os orificios do naris e as órbitas dos ollos destácanse con  evidencia, tales signos son propios de homes alegres e risueños; os signos contrarios caracterizan aos pensadores e meditativos.

25 de outubro de 2017

Fragmento de Dune

Fixeron falta case un milleiro de anos para que o po do vello planeta desértico de Dune abandonase a atmosfera e quedase ligado, convertido en terra e auga. Fai un dous mil cincocentos anos que non se ve en Arrakis aquel vento que chamaban o que levanta a area, causando terribles treboadas de coriolis. Vinte billóns de toneladas de po podían transportarse suspendidas polo vento dunha soa destas treboadas. O ceo neses casos tornábase prateado. E os fremen dicían: "O deserto é un cirurxián que practica un corte na pel para expor o que está debaixo dela." O planeta e a xente posuían capas. Eran ben visibles. O meu Sareer non é máis que un débil eco do que foi. Eu teño que ser hoxe o que levanta a area.
...

24 de outubro de 2017

Fragmento de ¿Que me queres, amor?, de Manuel Rivas

Fragmento de ¿Que me queres, amor?, de Manuel Rivas, escritor nado na Coruña o 24 de outubro de 1957

A vasoira de outono varría con furia Temple Villas. Old M. pechou a cancela do seu xardín de ortigas, aquel verde sombrizo que o irritaba como un pecado pois facíalle dicir: "Está ben, papá. Mañá arrincarei as herbas malas para que retoñen as túas semprevivas. Si, claro, xa vexo como locen as malditas roseiras da señora O'Leary". Así que botou o pasador como quen solta o adibal dunha campá e encarou, desfolgado, costa arriba, desenredando os pés nas fías enlixadas do vento.
Había cambio de turno na prisión de Arbour Hill. Old M. saudou ao garda señor Eyre, que polo visto era algo parente pola parte que tocaba aos de Galway, e que tiña un irmán crego e outro tamén atravesado, un tal Bill, inquilino aí mesmo, isto tiña oído, o que son as cousas, un por dentro e outro por fóra. A cuestión é darse traballo os uns aos outros.
...

23 de outubro de 2017

Cita

Para ser feliz é imprescindible ter, boa saúde e mala memoria.

Séneca

22 de outubro de 2017

PERO GARCÍA BURGALÉS

PERO GARCÍA BURGALÉS

María Negra vi eu, en outro día,
ir rabialçada per ua carreira;
e preguntei-a, como ía senlheira,
e por aqueste nome que havía.
E disse-m'ela'ntón: «Hei nom'assí
por aqueste sinal con que nací,
que trago negro come ua caldeira».

Dixi-lh'eu, u me dela partía:
«Esse sinal é suso na moleira?»
E diss-m'ela daquesta maneira
com'eu a vós direi, e foi sa vía:
«Aqueste sinal, se Deus mi perdón,
é negro ben come uu carvón
e cabeludo a derredor da caldeira».

A grandes vozes lhi dix'eu, u se ía:
«Que vos direi a Don Fernán de Meira
desse sinal, ou é de pena veira
ou como é feit', e a Joán d'Ambía?»
Tornou-s'ela e dizía-m'outra vez:
«Dizede-lhis ca chus negro é ca pez
e ten sedas de que farán peneira».

E dixi-lh'eu entón: «Dona María,
como vós sodes molher arteira,
assí soubestes dizer, com'arteira,
esse sinal que vos non parecía».
E disse-m'ela: «Per este sinal,
nom'hei de Negr', e muito outro mal
hei per i e mal preço de peideira».





21 de outubro de 2017

San Lourenzo de Carboeiro

O mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro é unha das obras arquitectónicas do románico serodio, de transición ao gótico, máis destacables de Galicia. Trátase dun mosteiro beneditino fundado no século X e que viviu os seus momentos de maior esplendor entre os séculos XI e XIII do que se conserva en moi bo estado a súa igrexa e algúns dos departamentos monacais, grazas aos traballos de restauración e recuperación realizados a partir da segunda metade do século XX.

Localízase na parroquia de Santa María de Carboeiro pertencente ao concello de Silleda, na comarca de Deza. Sitúase á beira do río Deza preto da súa desembocadura no caudaloso Ulla, nunha paraxe dunha natureza abrupta, no territorio que se deu en chamar Trasdeza (máis alá do do Deza, segundo os cartógrafos da diocese de Lugo), e preto de onde recibe as augas do seu afluente o río Toxa que se une abruptamente salvando un considerable desnivel formando a fervenza do Toxa, unha das máis afamadas de Galicia.

O nome do mosteiro parece deberse a actividade carboeira procedente do aproveitamento da densa
vexetación forestal da zona para a fabricación de carbón vexetal. Nalguns documentos, un do ano 1095 e o outro do século XII, menciónase o lugar como Retorta (posiblemente polo rio). Por último en numerosos documentos fálase do lugar ao abrigo do Monte Custodia, o actual Couto Costoia.

O coñecido como Camiño dos carboeiros partía do mosteiro cara ao mosteiro de Aciveiro e a Terra de Montes.

Coas reformas das ordes relixiosas promovidas polos Reis Católicos xunto ao papa Inocencio VIII Carboeiro pasou, no ano 1500, a se converter nun priorado (anexo) dependente do Mosteiro de San Martiño Pinario e logo nunha simple granxa con dous monxes residentes e a fins do século XVIII serviu como cárcere de freires.

A lei de desamortización de Mendizábal supuxo o abandono no ano 1836 das instalacións e o comezo da súa ruína. Na segunda metade do século XX comezaron as obras da súa restauración e recuperación.

Inscrición no interior: E ICC VIIII HIIS HOC TEMPLVM FVNDAVIT ABB FERNANDUS CVM SVORVM CATERVA MONACORVUM (en 1209 a 1º de xullo. Este templo fundouno o abade Fernando cos seus monxes).

Curiosidades: En 1965 filmouse unha película titulada Cotolay e en 2015 Enrique Iglesias rodou un videoclip.

A viaxe a Carboeiro permite visitar diferentes sitios de interese histórico ou paisaxístico, como a fervenza da Toxa.

Algúnhas das xonas non son moi aconsellable para rapaces. Os pasamáns das torres deixan demasiado espazo para a súa seguridade.

O escaso control leva ao tipico vandalismo como os parvos Loli e Rubén demostrando a súa estupidez na zona reconstruida.

20 de outubro de 2017

Gómez Pérez das Mariñas e Ribadeneira

Aínda que naceu moito despois dos sucesos que nos ocupan, sempre esta ben coñecer algo da nosa historia e da importancia desta liñaxe . O día 19 de outubro foi o aniversario da súa morte.
Entre os herdeiros de Gómez Pérez das Mariñas, de quen xa falamos, está Gómez Pérez das Mariñas e Ribadeneira, que naceu seguramente en Viveiro en 1539.
Era fillo de Fernán Díaz de Ribadeneira (viuvo da neta de Gómez Pérez, Constanza das Mariñas), e da súa segunda muller e sobriña política Berenguela das Mariñas.
Gómez Pérez das Mariñas e Ribadeneira foi político, diplomático e militar, destacando pola súa condición de gobernador de diferentes territorios, e finalmente das Filipinas, onde hoxe pervive a cidade Dasmariñas, na súa honra.
Foi o primeiro gobernador español en establecer contactos con Xapón, e potenciou as relacións comerciais con China.
En 1582 e 1584 dúas expedicións españolas fracasaran no seu intento de capturar a fortaleza de Ternate situada nas Illas Molucas. O gobernador planeou en segredo unha nova expedición e mandou diante ao seu fillo Luis e logo embarcou na galera A Capitá, de 28 bancos. Ao parecer os remeiros da súa galera eran chineses, a soldo e, segundo un cronista, sen encadear e armados..
En outubro de 1593 o gobernador partiu de Cavite para Pintados onde ía reunirse coa frota do seu fillo. Xuntas ambas as frotas, acudiría ás Molucas. Pero unha noite os remeiros chineses fixéronse co control da galera asasinando ao gobernador.

19 de outubro de 2017

Aforismos de Leonardo

301.- Certo é, con todo, que a natureza dos homes, os seus vicios e os seus temperamentos móstranse en parte polos trazos da cara:

18 de outubro de 2017

Coruña en Sepia

Finalizada con esta a publicación da IV edición da Coruña en sepia, iremos recuperando algunhas das fotos de aqui a final de ano.

Repasaremos todas estas imaxes que nos levan a unha cidade moi distinta de non hai tanto tempo.

17 de outubro de 2017

O templo de Luxor

O templo de Luxor.

O templo de Luxor, o primeiro amorno modelo do Imperio Novo que adoptou un trazado uniforme, foi construído por Amenofis III no século XIV a.C., con aditamentos posteriores de Ramsés II (século XIII a.C.). O patio, é a zona que máis destaca de todo o conxunto pola beleza das súas columnas de granito. Estas rodean tres lados do patio en dobre fileira con fustes percorridos por canles lobulados, que simbolizan fas de papiros, e con capiteis que representan a flor do papiro pechada. A exquisitez destas formas fai que se considerou o templo de Luxor o edificio máis delicado da cultura exipcia. As columnas non parecen reforzar a súa función como elementos
sustentadores, senón que causan a sensación de elevarse cara ao ceo de forma libre, á procura do divino.

Os templos de Ramses II
O faraón Ramsés II fixo construír dous templos na zona sur de Exipto, en Nubia, para conmemorar as súas fazañas bélicas. O Templo Grande está dedicado á figura do faraón e o Pequeno construíuse en honra á súa consorte Nefertari. Son templos coa mesma estrutura que os hipoxeos, pois os espazos penétranse na montaña. Con todo, non cumpren unha función funeraria, senón exclusivamente honorífica e de culto.

O Templo Grande ten unha fachada espectacular, presidida por catro estatuas colosais do faraón, de 21 metros de altura. O impacto visual que producen estas figuras sedentes, gardiáns do templo, é sobrecolledor. No interior da montaña áchase o templo distribuído en diferentes estancias (vestíbulo, sala hipóstila e santuario), que seguen un eixo axial. Na primeira sala hai oito grandes estatuas de Osiris encostadas a alicerces e outras salas laterais que serven de almacén. A continuación, e antes do santuario, hai un atrio con catro pilastras, que dan paso á cámara na que están as estatuas do faraón e do deus Ptah. Durante os dous días equinocciais do ano o Sol franqueaba a porta do templo e iluminaba a estatua do faraón situada no extremo do santuario. O movemento do astro materializa, así, a relación simbólica entre o faraón e o deus solar Ra. Este con os seus raios infere carácter sacro á figura faraónica.

No exterior, catro colosos flanquean a porta de entrada. Aos pés do faraón hai unha serie de estatuas que representan á nai e fillos do faraón en tamaño pequeno. A abismal diferenza de proporcións entre as estatuas do faraón e as dos seus familiares debe interpretarse como unha perspectiva xerárquica. O tamaño colosal do faraón simboliza pois o seu rango.
O Templo Pequeno foi dedicado a Nefertari, esposa de Ramsés II, e á deusa Hathor. Na fachada, seis estatuas colosais de dez metros de altura reproducen á raíña, a Ramsés II e á deusa Hathor en nichos alternos.

Tanto o Templo Grande como o Pequeno tiveron que ser trasladados ao construírse a presa de Asuán para evitar que quedasen sepultos, irreversiblemente, polas augas.

16 de outubro de 2017

Cita

Pola rúa do xa vou,  vaise á casa do nunca.

Miguel de Cervantes

15 de outubro de 2017

PERO GARCÍA BURGALÉS

PERO GARCÍA BURGALÉS

Roi Queimado morreu con amor
en seus cantares, par Santa María,
por ua dona que gran ben quería;
e, por se meter por máis trobador,
porque lh'ela non quiso ben fazer,
feze-s'el en seus cantares morrer;
mais resurgiu depois ao tercer día.

Esto fez el por ua sa senhor
que quer gran ben; e máis vos én diría:
porque cuida que faz i maestría,
enos cantares que fez, ha sabor
de morrer i e des i d'ar viver.
Esto faz el, que x'o pode fazer,
mais outr'homen per ren non o faría.

E non ha ja de sa morte pavor,
senón sa morte máis-la temería,
mais sabe ben, per sa sabedoría,
que viverá, des quando morto for;
e faz-s'en seu cantar morte prender,
des i ar vive. Vedes que poder
que lhi Deus deu (mais quen o cuidaría!)

E se mi Deus a mí desse poder
qual hoj'el ha, pois morrer, de viver,
jamais morte nunca eu temería.

14 de outubro de 2017

Inicio de Un trasgo burlón

Un trasgo burlón

Ola amigos!. Grazas por lerme. Chámome... bo o meu nome non importa, xa que non son o protagonista deste conto. Os protagonistas son esa tola e marabillosa xente que vive na miña cidade.

Tomemos un barrio calquera, o meu que é o que coñezo mellor. É un barrio de casas encostadas (casamatas chámanas aquí), cun diminuto xardín. Pero non quero falar da miña casa, nin do xardín, senón do garaxe.

Supoño que a maioría de vós pensardes que vos vou a contar, o numero de naves espaciais que teño aparcadas nel, ou o saltatempos de ultimo modelo que adquirín. Sinto desilusionaros, pero o meu garaxe é dos máis corrientiños: chan pintado de verde, paredes en branco, teito no que se ven as bobediñas de formigón, unha lámpada colgando do cable e uns 30 metros cadrados. Iso si, ten ata unha porta basculante, que son o único que non automatizou. Aínda que cun micrófono, un
altofalante especial e un programiña de computador, obtiven os códigos por ultrasóns de todos os meus veciños. Adóitome divertir ás veces abríndoas e pechándoas ao meu gusto, con gran desconcerto do persoal.

...

13 de outubro de 2017

Gómez Pérez das Mariñas

Gómez Pérez das Mariñas probablemente naceu en Betanzos e os seus dominios principais estendíanse polas terras comprendidas entre esta poboación e A Coruña.
Sendo aínda un rapaz estivo na corte do rei Xoán II que sentía moito aprecio por el. Tamén serviu con lealdade ao seu fillo o rei Henrique IV. O rei concedeulle en 1467 o ano en que estalou a Gran Revolta Irmandiña, a propiedade dunhas casas na Coruña como compensación dos gastos que lle ocasionara a defensa da cidade do conde de Benavente.
Durante a Revolta marchou a refuxiarse no Mosteiro de Samos e logo foi un dos principais dirixentes nobiliarios para retomar as súas fortalezas e as do seu xenro, Diego de Andrade.
Casou con Tareixa de Haro coa que tivo tres fillas, María das Mariñas que casou con Diego de Andrade; Constanza das Mariñas e Xenebra das Mariñas.
Testou o 4 de novembro de 1474 na Coruña, deixando disposto que fose enterrado na igrexa do convento de San Domingos de dita cidade.
Unha das súas propiedades nas Mariñas foi a Torre de Bergondo, hoxe coñecida como Pazo de Mariñán.

12 de outubro de 2017

Aforismos de Leonardo

300.- Non me ocuparei da Fisiognomónica nin da Quiromancia, porque non hai verdade nelas, simples quimeras sen fundamentos científicos.

11 de outubro de 2017

Visita ao Pazo de Mariñán

O Pazo de Mariñán foi declarado Conxunto histórico artístico o 5 de outubro de 1972 e por tanto neste mes cumpre 45 anos con esta distinción.

En colaboración coa asociación Universitaria INCUDE iremos este sábado día 14 saíndo en autobús ás 16,00 dende o Centro Universitario de Riazor.

Un grupo forzosamente pequeno xa que o límite no interior é de so 25 persoas.

Agardamos que o tempo acompañe para visitar os xardins.
A cota da actividade é de 10 euros e os viaxeiros recibirán un pequeno lirbo que editamos hai anos sobre este Pazo.

10 de outubro de 2017

O templo de Karnak

O templo de Karnak.

Karnak é un conxunto de construcións sacras, levantadas ao longo de varios séculos por sucesivos faraóns. O resultado é un gran número de pilóns, patios, chairas, portas, salas, obeliscos, pasadizos, etcétera, rodeado por un muro de adobe de perímetro trapezoidal. O complexo arquitectónico comezou a incrementar as súas edificacións a partir do século XVI a.C.

O templo de Amón é a construción principal do recinto de Karnak, que no seu núcleo ten a forma do amorno modelo cos seus pilóns, vestíbulo, sala hipóstila e santuario.

A este núcleo fóronselle engadindo diferentes patios, pilóns, salas hipóstilas e outros templos auxiliares, de maneira que o aspecto final é unha sucesión de edificios e complexas estruturas arquitectónicas.

Na súa zona sur comunícase co santuario de Mut, deusa da fertilidade, a través dun camiño salpicado de pilóns que conducen ao recinto externo, onde se prolonga nunha avenida de esfinxes. Paralela a esta avenida iníciase outra ruta sacra que conduce, tamén en dirección sur, cara ao espectacular templo de Luxor.

Dentro do templo, tras atravesar o primeiro pilón e un gran patio, chégase ao segundo pilón que dá paso á sala hipóstila. Considerada a máis emblemática de toda a arquitectura exipcia, foi erixida baixo os auspicios do faraón Ramsés II.

Esta sala é, en realidade, un colosal conxunto de 134 columnas de grandiosas dimensións (103 metros de longo e 52 metros de ancho) que conforman un eixo axial que divide en dúas partes a sala, creando, deste xeito, un longo e ancho corredor procesional.

O número e as dimensións das columnas crean no visitante a sensación de penetrar nun denso bosque.

O efecto está acentuado pola forma das columnas, cuxos capiteis lembran, aínda que moi estilizadas, flores de papiros cos pétalos abertos e pechados. A policromía, que na actualidade perdeuse, contribuía, sen dúbida, ao logro de tal efecto.

As salas hipóstilas representan simbólicamente a perfección da ordenación do cosmos e teñen por tanto un significado relixioso-espiritual. Constitúen, por si mesmas, un verdadeiro universo formado pola unión do terreal coa esfera do celeste, da natureza co máis sacro.

9 de outubro de 2017

8 de outubro de 2017

Fragmento de Paseata arredor da morte

Paseata arredor da morte é unha obra de Domingo García-Sabell, nado o 8 de outubro de 1909 en Santiago de Compostela e finado o 5 de agosto de 2003 na Coruña. Foi médico, escritor, político e académico.

Caos e vacuidade son os parámetros glorificados pola plástica tanática. Onde había un home, o que hai é un esqueleto, cómpre dicir, ren. Onde había unha espléndida muller, o que hai é un cadaleito, cómpre dicir, o envoltorio de ren. Reaparecen en nós, levadas da man dos novos artistas, as vellas palabras dos vellos epitafios: cinza, silencio, ren.
Despois dun grande arrodeo, as audacias ultractuais chegan a peiraos xa coñecidos. Por baixo da alporización figurativa rosma, sarcástico e burlón, o perenne fungar da morte. A arte, pois, terá que declina-los seus propósitos. A metafísica sen palabras tampouco serve. Quedan algúns cadros excelentes. E catro textos de formal fermosura indiscutible. A paz renace. E con ela xorde outravolta a inquedanza cara ó descoñecido. 
...

7 de outubro de 2017

Inicio Diagnóstico de morte

Diagnóstico de morte
(A Diagnose of Death)
Ambrose Bierce

- Non son tan supersticioso como algúns dos teus doutores de ciencia, como ti compraces en dicir - dixo Hawver, replicando unha acusación que non fora feita - Algúns de vostedes, só algúns, confeso, cren na inmortalidade da alma, e en aparicións que a túa non tes a honestidade de chamar fantasmas. Non vou dicir máis que eu teño a convicción que os vivos algunhas veces son vistos onde non están, en lugares onde estiveron, onde eles viviron tanto tempo, quizais tan intensamente, como para deixar as súas impresións en todo o que os rodea. Sei, en efecto, pode ser que un ambiente poida ser tan afectado pola personalidade dunha persoa como para impresionar, moito despois, unha imaxe dun mesmo aos ollos doutro. Indubidablemente a personalidade impresa ten que ser o tipo xusto de personalidade e os ollos perceptores teñen que ser o tipo xusto de ollos, os meus por exemplo.
...

6 de outubro de 2017

Irmandiña

No imaxinario colectivo galego os irmandiños quedaron como unha mostra do que pode facer o pobo unido. E por iso os termos irmandiños, irmandade e demais son empregados en tantas ocasións ao longo da historia.
Así diferentes seleccións deportivas galegas son alcumadas como forzas de Breogán, outro exemplo do que falamos, e tamén coma irmandiña.

5 de outubro de 2017

Aforismos de Leonardo

299.- Quero facer milagres! Terás que vivir con maior estreiteza que os outros homes máis sensatos: os que pretenden enriquecerse nun día viven por longo tempo na pobreza, como ocorre e ocorrerá sempre aos alquimistas, empeñados en crear ouro e prata, e aos enxeñeiros que queren que a auga morta dea vida de continuo movemento a si mesma, ou ao solemne parvo que cre na nigromancia e nos encantamentos.

4 de outubro de 2017

Inicio de ROBOTOMAQUIA

ROBOTOMAQUIA
Angel Arango

O robot das profundidades submarinas atopouse co robot escavador.

- Vin a Atlántida -dixo.

-Ah, si? E como é?

-Azul, verde, amarela, enorme. As casas e os palacios de ouro. Están intactos. Tiñan grandes pontes que unían as cidades. E as xanelas sen cristais. Os seus habitantes eran anfibios.

O robot escavador balanceó a súa cabeza chea de garfos.

-Peixes? -preguntou.

-Fillos de peixes. Vin debuxos nas paredes e tiñan escamas. Os seus rostros, con todo, eran humanos, con grandes ollos azuis, longos cabelos, dentes regulares e brancos. Eran vexetarianos. Tiñan os balcóns sementados de plantas e tamén os teitos e as avenidas e as canles.

O robot escavador encolleuse de peiraos.

...

3 de outubro de 2017

Os templos exipcios dedicados a Ra, deus do Sol

Os templos exipcios dedicados a Ra, deus do Sol.

Durante o V dinastía os reis construíron unha serie de santuarios solares cos que lexitimar a fundación da dinastía que respondía, así, á reinstauración do Sol como deus do mundo, sendo os reis fillos directos deste. Durante este período foi ademais decisiva a influencia dos sacerdotes da cidade de Heliópolis, onde predominaba a teoloxía sobre Ra, deus solar.

A construción do templo de Neuserre, preto de Abusir, atende a estes principios. A partir dos restos arquitectónicos púidose reconstruír a planta do conxunto do santuario. Constaba das mesmas partes que o grupo funerario das pirámides: un templo adintelado no val, unha calzada cuberta que conducía cara a outro pórtico na zona alta e un recinto rectangular aberto ao ceo, onde se elevaba maxestuoso un obelisco. Para acceder ao obelisco debíase franquear un pasadizo, que conducía a unha capela decorada con ronseis. Tras esta chegábase á chaira ou patio. O gran patio era a zona principal, destinada ao sacrificio de animais. Con esta finalidade o chan estaba lousado e provisto de acanaladuras, que conducían o sangue cara a unhas pilas de alabastro. O centro estaba ocupado por un altar, tamén de alabastro, que se completaba con catro mesas circulares para as ofrendas. Outra zona do patio, cara ao oeste, estaba destinada aos almacéns situados en ringleira.

O obelisco era robusto e estaba colocado sobre unha pirámide truncada. De pedra tallada estaba rematado na súa punta polo piramidón. De feito, era o lugar simbólico onde se depositaban os primeiros raios solares ao despuntar o día. Os obeliscos foron interpretados como a continuación dos menhires primitivos. A esta simboloxía hai que engadir outra ligada ao Sol, enunciada por Ernesto Schiaparelli, quen creu que os obeliscos viñan ser como unha prolongación dos raios solares, concentrados no vértice do piramidón para repartirse despois sobre a terra e dotar de vida a todos os elementos da natureza.

No exterior do recinto estaba situada a barca solar, construída con adobe revestido de estuco e pintada con vivas cores. Era o vehículo utilizado polo Sol na súa viaxe polo firmamento. As barcas tiñan un gran valor simbólico e ocupaban un lugar importante en todos os templos.

Durante o Imperio Novo, Tebas converteuse no centro político e relixioso do imperio, polo que o seu tríada de deuses, Amón en primeiro lugar, xunto á súa esposa Mut e o seu fillo Khons, cobraron unha importancia excepcional. En consecuencia, o templo de Amón erixiuse como o núcleo do que dependía unha ampla rede de templos situados nas súas proximidades, nos arredores de Tebas, como os de Karnak e Luxor, e mesmo en zonas máis afastadas.

2 de outubro de 2017

Cita

Aínda que eles sexan cen e nos só un, non significa que teñan razón. 

Einstein.

1 de outubro de 2017

PERO GARCÍA BURGALÉS

PERO GARCÍA BURGALÉS

Don Fernando, pero mi mal digades,
quero-vos eu ora desenganar,
ca ouç'as gentes de vós posfaçar
de cavalgar, de que vos non guardades:
cavalgades pela seest'aquí
e cavalgades de noit'outrossí,
e sospeitan que por mal cavalgades.

Mais rogo-vos ora que mi creades
do que vos ora quero conselhar:
se queredes con as gentes estar,
Don Fernando, melhor ca non estades,
sinher, forçade vosso coraçón
e non cavalguedes tan sen razón,
siquer por vossas bestas, que matades.