4 de novembro de 2017

Castelo de Vimianzo

O castelo de Vimianzo, tamén chamado torres de Martelo, é unha fortificación de orixe medieval situada en Vimianzo, que acolle unha mostra permanente de artesanía popular.

Conserva partes do século XIII, aínda que a maioría pertencen aos séculos XIV e XV. O edificio ten planta poligonal irregular adaptándose ao terreo. Componse de tres torres defensivas rectangulares ao redor dun patio de armas ademais da torre da homenaxe, coas súas voadas ameas. As ameas en punta de diamante que antes rodeaban a totalidade do castelo só se conservan na Torre da Homenaxe e no paseo dun dos muros. O seu perímetro está rodeado na súa totalidade por un profundo foso. Tamén conserva o camiño de ronda e no portalón de entrada ao patio pódese velo escudo con cabeza de lobo dos Moscoso.

A proximidade da fortaleza á costa permitíalle controlar as rotas comerciais do mar do Norte, os negocios da sardiña e do sal e os botíns dos barcos que naufragaban nestas costas.

Construído entre finais do século XII e principios do XIII, posiblemente pola familia Mariño de Lobeira. Desta primeira construción apenas queda ningún vestixio, pese a que escavacións
arqueolóxicas levadas a cabo na década dos oitenta descubriron os cimentos dunha gran torre no actual patio de armas.

No ano 1348 o rei Afonso XI confiscou esta fortaleza a Roi Soga Mariño de Lobeira, para venderlla ao arcebispo compostelán Xoan García de Manrique. Pasou despois a mans do duque de Arjona, Fadrique Enriquez e calcúlase que entre 1425 e 1429 pasou por primeira vez a formar parte das propiedades dos Moscoso.

A familia dos Moscoso foi unha liñaxe moi destacada que tiña o seu centro de acción nas terras de
Compostela. Precisamente, co Arcebispado chegarán a ter varios conflitos, un dos de máis sona a prisión do bispo Alonso de Fonseca e Acevedo. O señor Bernal Eáns de Moscoso, como vinganza porque a mitra lle restase poder, meterá nunha gaiola ao bispo e levarao desde Noia ao castelo de Vimianzo. Dise que até foi pendurado dunha cheminea! O secuestro de Alonso durou máis de dous anos, cando finalmente será liberado tras unha guerra a cambio do seu desterro a Redondela. Poucos meses despois deste feito, en 1467, prodúcese un feito decisivo na historia de Galicia e do Castelo, o que se coñece como a Guerra Irmandiña. O pobo cansado pola presión económica exercida polos señores feudais e polos abusos e violencia exercidos sobre eles, decide tomar ao asalto as fortalezas. Este acontecemento vai provocar a fuxida de toda a gran nobreza galega cara a Castela e Portugal, sendo destruídas ou seriamente danadas a maioría das fortificacións existentes. O mesmo lle aconteceu ao Castelo de Vimianzo, que será tomado ao asalto. Actualmente, o primeiro sábado de xullo, celébrase unha festa que lembra este feito histórico.

A rebelión non durou moito. Os nobres escapados reorganizáronse en Portugal e Castela e, coa axuda da aristocracia local, emprenderon a recuperación das súas posesións no ano 1469. Coa caída dos irmandiños curiosamente será o bispo Alonso de Fonseca e Acevedo, quen estivera preso en Vimianzo o que ordena a reconstrución do Castelo. Porén, uns anos máis tarde, un dos Moscoso, Lopo Sanches de Moscoso, autoproclamado primeiro Conde de Altamira, recuperará Vimianzo pola
forza das armas.

A partir deste momento será o centro da xurisdición señorial de Vimianzo, con dominio sobre Camariñas, Laxe, Zas e Muxía. Dende século XVI co traslado dos Altamira a corte administrarán as súas posesións os alcaides ou meriños.

En 1833 suprímense as xurisdicións señoriais e so Altamira venden o castelo en 1870 a Ramón
Martelo Núñez.

A última gran reforma foi realizada no século XIX por Evaristo Martelo Paumán, Marqués de Almeiras, xa que nesta época o castelo estaba en bastante mal estado polo que acometeu obras para facelo habitable. Posteriormente a súa filla, Dolores Martelo de la Maza, solteira e sen descendencia, cedeu a fortaleza, ironías do destino ao Arcebispado de Santiago, que tanto puxara por el en tempos pretéritos.

En 1936, pouco antes do comezo da guerra civil española, iniciárase un expediente de expropiación do castelo que só se puido facer de xeito simbólico polo entón alcalde republicano Manuel Alborés e o secretario municipal Andrés García Ferreiro. Finalmente en 1973 foi comprado pola Deputación da Coruña, que o acondicionou para a súa visita.

No castelo de Vimianzo podemos ver varios escudos de armas. A maior parte deles pertencen á época en que Martelo reformou o castelo. A cabeza arrincada de lobo orientada cara á dereita cos regueiros de sangue, representa aos Moscoso. Os roeis identifican a familia Castro e os caldeiros son dos Lara.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.