18 de novembro de 2017

Fervenza do Ezaro

O Cadoiro ou fervenza do Ézaro é unha fervenza que forma o río Xallas na súa desembocadura ao mar na enseada do Ézaro en Santa Uxía do Ézaro, parroquia do concello de Dumbría. É a única fervenza en Europa que desemboca directamente no océano.

No último treito do río Xallas o desnivel é de 155 metros, e a auga precipítase a 40 metros de altura monte abaixo até se esmagar con virulencia contra as paredes pétreas do canón que a propia auga arou ao cabo de millóns de anos a través do monte Pindo (630 metros de altitude) despois de ducias de metros de caída libre no punto coñecido coma Cadoiro do Xallas ou do Pindo (unha poza de máis de 20 m de fondo), pronunciado na voz popular como Coaduiro desde os tempos de frei Martín Sarmiento, malia que en tempos máis recentes fose rebautizada coma Fervenza do Ézaro. Estudosos de todo o mundo
percorrían milleiros de quilómetros na procura deste espectáculo único da natureza.

Textos de 1724 falan xa da fervenza, describíndoa coma unha enorme fumeira que podía ser ollada dende varios quilómetros mar a dentro.

A zona ten unha paisaxe impoñente de gran valor ecolóxico. A fervenza está rodeada de espectaculares microformas graníticas que forma o monte Pindo, coma a Pedra do Brazal, un milagre de equilibrio natural. Ademais conta con paraxes cun gran valor ecolóxico.

O caudal do Xallas mantense constante por causa dos numerosos encoros que nel se teñen construído. En 1897, a Sociedade Española de Carburos Metálicos, hoxe parte do grupo FerroAtlántica, asentouse na zona e daquela datan as primeiras construcións para obter enerxía. O encoro máis importante é o da Fervenza, construído na década dos anos 60 do século XX. En Ponte Olveira hai outra central. Máis abaixo, da presa de Brazal parten as canalizacións cara Ézaro; máis abaixo, atópase o encoro de Santa Uxía, construído na década dos anos 80. Na súa desembocadura están situadas tres centrais hidroeléctricas: Castrelo, Santa Uxía e Pindo, esta última de principios do século XX.

Até 2012 as augas céibanse soamente os domingos do verán ao mediodía. Desde 2006, ampliouse o horario aos sábados á noite, cun espectáculo de luces. Dende 2012 a fervenza pode verse todos os días.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.