16 de decembro de 2017

Igrexa da Vera Crux

A igrexa da Vera Cruz é coñecida polos veciños como a «igrexa nova», por oposición á vella no casco antigo.

Estamos nun templo católico situado no municipio do Carballiño, na provincia de Ourense.

É unha das últimas obras, e por tanto quedou inacabada, do arquitecto galego Antonio Palacios, este, aínda que fincado en Madrid, non perdeu o contacto coa súa terra onde nos deixou grandes obras, onde destaca este templo ou o Templo Votivo do Mar, en Nigrán. Palacios brindou a súa axuda en forma da gratuitidade do proxecto que foi financiado por subscrición popular. Este plan pretendía ser a pedra angular dun proxecto urbanístico destinado a transformar a vila do Carballiño nun centro de peregrinacións articulado en torno ao fragmento da Cruz de Cristo que acubilla o templo.

Palacios comezou as obras en 1943 en forma dunha gran igrexa do tipo de peregrinación medieval,
con xirola e capelas radiais, mesturando artes como o románico e o gótico. O arquitecto non viu nunca acabada a súa obra pois faleceu en 1945. Foi rematada en 1957.

A torre constrúese en 1949 acabándose en 1957, despois dun longo parón. Con todo o templo xa fora aberto ao culto uns anos antes, oficialmente o 17 de setembro de 1952, con motivo da celebración do patrón da vila, San Cibrao.

O templo da Veracruz está construído sobre todo con granito e lousa, pedras típicas do país. A igrexa alberga un pedazo da reliquia da Cruz, que chegou desde Terra Santa ao Carballiño en 1901 como agasallo do Patriarca de Xerusalén, Monseñor Ludovico Piave, reliquia que levara na súa pectoral o sumo pontífice Pio IX os seus últimos meses de vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.