29 de marzo de 2018

Unha cidade flotante XI

Xulio Verne
Unha cidade flotante XI

A esta delicada manobra estaba destinada a máquina en que vimos traballar aos operarios mecánicos, na popa. O piloto, colocado sobre a pasarela do centro, entre os aparellos de sinais das rodas e da hélice, tiña baixo os ollos un cuadrante provisto dunha agulla móbil, que lle indicaba a cada pouco a posición da súa barra. Para modificala bastáballe imprimir un leve movemento a unha rodiña dun pé de diámetro, colocada verticalmente, ao alcance da súa man. As válvulas abríanse acto continuo; o vapor das caldeiras precipitábase por longos tubos ou condutos aos dous cilindros da pequena máquina; os émbolos movíanse con rapidez, as transmisións funcionaban, e o goberno obedecía instantaneamente a esta irresistible combinación de forzas. Isto debía suceder, segundo a teoría, se a práctica non demostraba outra cousa, un só home podería gobernar, cun dedo, a masa colosal do Great-Eastern.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.