26 de febreiro de 2020

Novela Semanal. Oitava entrega.


É o xefe dos camareiros que o está agarrando. Estás na Pampa ou que che pasa?, di con cara de enfado. Deixa de pasmar e colle unha bandexa para sevir aos invitados. Duchamps fai caso sen protestar e colle a bandexa que lle ofrece o señor. Coa man suxeitando o novo utensilio, vai camiñando entre os invitados. Unha copa de Champagne? Quere un vaso de bourbon? O detective aproveita a ocasión para achegarse máis á xente e escoitar as conversacións.

Duchamps leva dez minutos escoitando conversacións sobre golf e discusións sobre quen ten máis baños na súa casa, e xa está a notar como lle marchan a paciencia e a forza no brazo da bandexa. De súpeto, decátase de que diante del está a viúva falando con invitados. Se consigue saber que din se cadra pode esclarecer un pouco o misterio. Sen présa, desfila entre os invitados ofrecendo bebida, sempre coa señora no punto de mira. Queda a dous pasos da señora e continúa servindo ao mesmo tempo que coloca a orella para saber de que están a falar. Si, todo isto foi terrible. Non estaba preparada, responde a viúva. Gérard era tan novo, non hai dereito. Aínda non se sabe quen puido ser?, pregunta unha das persoas que está con ela. Non tería un inimigo que lle quería mal? Oh, non creo. Gérard era moi querido no seu grupo de traballo e non se me ocorre nada polo que alguén puidese odialo.

O detective leva case tres minutos detido escoitando a conversación e ofrecendo bebida á mesma pobre alma, que por educación rexeita unha e outra vez sen mandalo a tomar por saco. Nese momento, pasa ao seu lado un señor vestido cun traxe gris escuro e camiña en dirección á viúva. Do seu peto dereito cae ao chan unha tarxeta de visita e Duchamps apresúrase a collela para devolverlla ao seu lexítimo propietario. Para saber o nome da persoa á que vai interpelar, o detective  le o anaco de papel e, en lugar dun nome, o único que ve son dúas letras, PR. Co pánico entrando no corpo, levanta a cabeza e antes de que poida berrar, antes de que poida dar un paso, escóitase un disparo. O home do traxe gris cae ao chan cun ruído xordo e a viúva, que estaba a saudalo, lanza o grito desgarrador e cae desmaiada. Duchamps mira freneticamente ao seu redor en busca do asasino pero a xente entra en pánico e tenta saír da mansión correndo.

Continuará...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.