5 de febreiro de 2020

Novela semanal. Quinta entrega.

Chegou o día da festa e Duchamps está preparado. Despois de abrochar o derradeiro botón, sae pola porta da casa e abre o coche. Non é ningunha cousa do outro mundo. Un Peugeot 406 do ano 2000 de cor grisácea que, sendo vello, está bastante ben conservado. Xa no asento de piloto, introduce a chave do coche no contacto, faina xirar e nada, o coche non acende. Volve probar outra vez. Nada. Xa está empezando a suar. Vaia xeito de empezar a investigación, di nervioso. Proba por segunda vez, por terceira, por cuarta. Á quinta reacciona! Agarda dez segundos para tomar alento e, xa recuperado do susto, pon primeira marcha e toma o camiño en dirección á festa.

Cando leva vinte minutos conducindo empeza a ver coches de luxo na estrada, que se van multiplicando a medida que se achega ao seu destino. Na distancia empeza a ver unha casa enorme con moitos focos emitindo raios de luz dun lado a outro. Case parece a entrega dos Óscar. Chega á entrada do aparcadoiro pero pasa de largo, pois non quere comprometer a investigación metendo un coche vello e cheo de po entre tanto Ferrari e Lamborghini. Cen metros máis aló atopa un sitio apartado das miradas e aparca o coche. Fai a pé o camiño de volta á mansión e atravesa a entrada dos xardíns. A mansión levántase nun outeiro situado no medio da finca. De estilo clásico, o edificio parece mesmo un castelo dun mundo de fantasía con torres a cada lado. E a senda que leva á mansión tanto ou máis con plantas exóticas por todos lados. Xa non sabe se está en Vaillard ou nunha xungla de África.

Por fin chega á entrada principal. O lugar desborda de xente famosa e o detective comeza a preocuparlle que sospeiten del por ser a única persoa descoñecida da festa. Botando esa idea fóra da cabeza, dá o primeiro paso cara á porta de entrada. Alí está un escolta revisando a lista de invitados para deixar pasar a xente. Primeiro problema que lle cae enriba pois é pouco probable que estea no listado. Hai que probar, pensa el. Xa está a cinco pasos do escolta e quedan tres persoas diante del. Intenta estirar o pescozo de forma disimulada para mirar a lista na procura dalgún nome sen tachar. Quedan dúas persoas por diante. Emmanuel Macaroni, ese nome está libre. Unha persoa diante. Pasa un pano pola cara para secar as gotas de suor. É a quenda do detective. Achégase ao escolta. Nome?, pregunta o axente. Chámome Emmanuel Macaroni, responde o detective sacando o peito para fóra todo o que pode. Eh, ese son seu!, escóitase por detrás. O demo me leve, murmura Duchamps nervioso. O escolta levanta os ollos da lista e antes de que poida facer nada, o falso Macaroni xa sae por patas entre os arbustos.

Continuará...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.