Agora si está claro
que o coche está a seguilo porque no retrovisor pode ver claramente que os
perseguidores teñen os ollos cravados nel. Estes semellan darse conta de que
están a dar voltas sen sentido e cambian de plan. Empezan a acelerar para tentar
poñerse á altura do Peugeot pero Duchamps pisa o acelerador sacando toda a
potencia do seu automóbil. Durante os seguintes cincuenta metros os dous coches
circulando case en paralelo, asustando aos condutores que chegan no sentido
contrario. Coa esquina do ollo o detective vai vendo que o copiloto está sacando
unha pistola do peto da súa chaqueta. Ante o perigo pisa a fondo o freo
deixando aos perseguidores adiantalo. Estes tamén fan o mesmo pero xa é tarde
porque a presa escapa por unha rúa estreita e cando retroceden ata alí esta xa
desapareceu.
Ten o corazón que
lle sae pola boca e non para de revisar os espellos, esperando ver ese coche
saír por algún lado. Agora sabe que eses asasinos queren facelo desaparecer. En
canto chegue a un lugar seguro debe chamar ao comisario para avisalo.
Ao fondo xa observa
o edificio que alberga o seu despacho. Aparca nunha praza libre e sae pitando
cara ao portal. Abre a porta subindo os chanzos de dous en dous cunha forza
renovada. Pecha a corta con chave e saca o móbil para chamar ao seu compañeiro,
aínda que cos nervios lle custa atinar na opción correcta. Escóitase o son de
espera, que se prolonga por vinte segundas. Non hai resposta pero non se rende
e volve a marcar o número do comisario. Pasan os segundos e cando empeza a
temer o peor descolgan o teléfono. Duchamps? Por que me chamas? Xusto me pillaches
no medio da sesta. Ten coidado Gérard, solta de golpe o detective, os asasinos
andan detrás de min e se cadra te teñen no seu punto de mira tamén. Non te
preocupes por min, contesta o comisario, non se atreverán a entrar aquí. Se o
ves necesario podo encargar a dous dos meus homes que te protexan. Poden saír en
cinco minutos e levarán un coche blindado. Ti queda onde estás. Escóitase un
disparo. Agora, escóitanse berros mesturados con máis disparos. A voz do
comisario vólvese distante, escóitase un toque seco e uns pasos que marchan. Os
disparos seguen por outros tres minutos e despois faise silencio. Duchamps agarda
outro minuto enteiro a que o comisario colla de novo o teléfono pero ante os malos presaxios finaliza a chamada. Exhausto, toma asento e tapa a cara coas mans para que
non lle vexan as bágoas porque, visto o acontecido, non se pode fiar nin das
paredes.
Continuará...
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.