9 de outubro de 2020

INICIO DE O HIPNOTIZADOR

AMBROSE BIERCE - O HIPNOTIZADOR

Algúns dos meus amigos, que saben por casualidade que ás veces me entreteño co hipnotismo, a lectura da mente e fenómenos similares, adoitan preguntarme se teño un concepto claro da natureza dos principios, calquera que sexan, que os sustentan. A esta pregunta respondo sempre que non os teño, nin desexo telos. Non son un investigador coa orella pegada ao ollo da fechadura do taller da Natureza, que trata con vulgar curiosidade de roubarlle os segredos do oficio. Os intereses da ciencia teñen tan pouca importancia para min, como parece que os meus tiveron para a ciencia.
Non hai dúbida de que os fenómenos en cuestión son bastante simples, e de ningunha maneira transcenden os nosos poderes de comprensión se sabemos achar a clave; pero pola miña banda prefiro non facelo, porque son de natureza singularmente romántica e obteño máis satisfaccións do misterio que do saber. Era corrente que se dixese de min, cando era un neno, que os meus grandes ollos azuis parecían ser feitos máis para ser mirados que para mirar... tal era a súa ensoñadora beleza e, nos meus frecuentes períodos de abstracción, a súa indiferenza polo que sucedía. Nesas circunstancias, a alma que xace tras eles parecía -aventúrome a crelo-, sempre máis dedicada a algunha bela concepción que creou á súa imaxe, que preocupada polas leis da natureza e a estrutura material das cousas. Todo isto, por irrelevante e egoísta que pareza, está relacionado coa explicación da escasa luz que son capaz de arroxar sobre un tema que tanto ocupou a miña atención e polo que existe unha viva e xeral curiosidade. Sen dúbida outra persoa, cos meus poderes e oportunidades, ofrecería unha explicación moito mellor da que presento simplemente como relato.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.